O Concello licitará oito postos nas Prazas de Abastos de Marín e Seixo

A Xunta de Goberno Local deu luz verde aos pregos que rexerán o concurso público

Interior da Praza de Abastos de Marín. DP
photo_camera Interior da Praza de Abastos de Marín. DP

A edil de Comercio, Cristina Acuña, desvelou o pasado martes que a Xunta de Goberno vén de aprobar os pregos para licitar ocho postos nas prazas tanto de Marín coma de Seixo, catro en cada un, destinados a carnicería e alimentación, peixe fresco e actividades comerciais. Os pregos mandaranse ao BOPP, momento no que comezará o prazo de presentación de ofertas. Acuña explicou que, especialmente no caso de Seixo, "estamos desexosos de seguir adiante, xa que neste caso notamos unha maior complicación á hora de que estes negocios estean activos".

O equipamento dos postos, así como as obras de adecuación interna e o acondicionamiento dos mesmos, serán a cargo de cada titular, que á súa vez deberán contar coa inscrición no epígrafe correspondente no IAE e co curso de manipulador de alimentos. As concesións outorgaranse por 5 anos sen prórrogas e non poderán acadarse máis de 2 postos concesionados no mercado, contando os que se poidan ter actualmente.

No prego técnico recóllense algunhas das obrigas que terán os titulares dos postos, unha vez lles sexan adxudicados, entre as que destacan: o pago de todas as taxas, impostos e prezos públicos correspondentes coa súa actividade; exercer ininterrompidamente, durante o horario que se corresponda, a súa actividade; efectuar diariamente a limpeza do seu posto; ter expostos os prezos por unidades ou quilogramos, e asumir os gastos correntes.

Comentarios