O Concello de Marín volve activar o servizo de control de pombas e gaivotas

Unha empresa realizará un censo poboacional inicial de ambas as especies
Dúas pombas nunha das trampas instaladas en Marín. ADP
photo_camera Dúas pombas nunha das trampas instaladas en Marín. ADP

A concelleira de Medio Ambiente de Marín, Marián Sanmartín, informou esta semana de que xa está de novo activo o servizo de control poboacional da gaivota patiamarela e da pomba común no casco urbano.

Será a empresa Indigemont a que se encargue da xestión do servizo desde agora. Con respecto á gaivota, calquera veciño, veciña ou comunidade que queira solicitar de maneira gratuíta a revisión do tellado, pode facelo chamando ao 620 00 28 64, en horario de luns a venres, de 08.00 a 14.00 e de 16.00 a 19.00 horas.

Tal e como explican desde a empresa, os métodos que se utilizan para o control poboacional destas especies son incruentos e están avalados pola lexislación ambiental. Deste xeito, cando van revisar un tellado, retíranse os niños e no caso de haber crías lévanse ao Centro de Recuperación de Fauna Silvestre, situado en Cerdedo-Cotobade.

No que respecta ás pombas, a súa captura realízase a través de gaiolas, de grandes dimensións e con comedeiros e bebedoiros, que lles permiten aos exemplares capturados estar en correctas condicións vitais até que os operarios acuden na súa busca. As pombas son levadas despois a un núcleo zoolóxico autorizado, no que son examinadas para comprobar o seu estado de saúde e posteriormente son liberadas lonxe dos núcleos urbanos.

A empresa realizará esta semana un censo poboacional inicial de ambas as especies por parte dun biólogo experto.

Comentarios