O Concello de Marín promove a limpeza dos ouriños dos cans

A concellaría de Medio Ambiente repartirá botellas reutilizables entre os donos dos cans censados na vila
undefined
photo_camera Álvarez e Sanmartín. CEDIDA

O Concello de Marín presentou este luns unha nova campaña de concienciación para trasladarlle á cidadanía a necesidade de ser responsable cos excrementos que fan os seus cans no espazo público. Nesta ocasión, a acción estará dirixida de forma especial á limpeza dos ouriños na vía pública.

"Outras campañas que vimos realizando sobre os excrementos deron o seu resultado e por iso agora queremos focalizar a mensaxe na limpeza dos ouriños, que tamén é importante e que consideramos que debe ser un hábito que forme parte do día a día da veciñanza", explicou este luns a concelleira de Medio Ambiente, Marián Sanmartín.

Por iso, repartiranse entre os donos e donas que teñan censados cans na localidade —ou a medida que se vaian censando— unhas botellas de plástico reutilizables que levarán serigrafiado a lema Limpa o pisete nun periquete, cunha ilustración, e que xa están en produción.

"Esperamos poder iniciar a repartición á volta de Semana Santa", anotou Sanmartín, que cre que esta campaña é unha oportunidade para recordar a todos aqueles veciños que teñen un can que deben telo rexistrado no censo municipal. Nestes momentos hai empadroados na localidade 615 cans, un feito obrigatorio, así como ter os datos do animal actualizados no censo. Para realizalo, é imprescindible tamén que o can teña microchip, única forma legal de demostrar a súa propiedade en caso de perda ou roubo do animal.

PROPOSTA PSOE. Sobre a proposta do grupo municipal de PSOE de modificar a ordenanza para incluír este punto, desde o Concello explican que non consideran necesario realizar este cambio no texto burocrático e que seguirán na liña de concienciación social que se foi realizando ata o momento.

"Consideramos que as campañas de concienciación da cidadanía son o mellor xeito de pedir máis civismo e de que os donos dos cans se involucren na limpeza do espazo público con respecto aos excrementos dos cans, unha responsabilidade compartida e que agora queremos facer máis fácil e visible coas botelliñas que temos en camiño", asegurou a edil.

Comentarios