O Concello de Marín terá unha plataforma de administración dixital

A actuación conta cun investimento de 285.832 euros e inclúe tamén a adquisición de equipamento para realizalo
2020082111475231774
photo_camera A iniciativa supón un paso máis cara a unha "e-gobernanza". CEDIDA

O Concello de Marín aprobou o contrato mixto para o desenvolvemento dunha plataforma que permitirá realizar trámites en formato electrónico. A iniciativa supón un paso máis na dixitalización dos servizos administrativos do municipio.

Entre as medidas que levarán a cabo, porase en marcha un soporte para a administración dixital do Concello, así como a adquisición do equipamento necesario para iso e novos sistemas de almacenaxe e servidores.

A actuación conta cunha investimento de 285.832 euros, cofinanciados nun 80 % cos fondos Feder da Unión Europea, dentro do programa Edusi Marín 2020.

O contrato, aprobado onte na Xunta de Goberno local, divídese en tres lotes que inclúen, por unha banda, a implantación e posta en marcha do sistema de soporte, adxudicado á empresa GTE Solucións. Doutra banda, levará a cabo tamén a adquisición do equipamento no lote dous e de servidores, almacenamento e "backup" no terceiro, que correrán a cargo de Internacional Periféricas e Memorias de España.

Esta medida inclúese nos esforzos do Goberno local cara a unha e-gobernanza, que permita mellorar a competitividade da vila a través de mecanismos de participación e transparencia.

Nesta liña, o pasado mes de xullo, o Concello puxo en marcha a Oficina de Rexistro para Expedición de Certificados Electrónicos de Persoa Física para a Cidadanía. Unha ferramenta que permite aos cidadáns marinenses solicitar lle expedición do seu certificado de forma telemática, así como unha cita na Casa Consistorial para verificar os datos posteriormente. Ambas as iniciativas son pasos adiante cara a unha dixitalización que facilitará seguir os protocolos de seguridade derivados da crise.

Comentarios