Condenado a case 13 anos de cárcere por tentar matar a súa ex no Corredor do Morrazo

O tribunal ve probado que chocou deliberadamente contra un turismo e que tiña intención de acabar coa vida dela 
Un instante del juicio. GONZALO GARCÍA
photo_camera Un instante do xuízo. GONZALO GARCÍA

A sección cuarta da Audiencia Provincial de Pontevedra ditou sentenza na que condena a Ángel Martín R.G. a 12 anos e nove meses de cárcere por tentar asasinar a súa exmuller, provocando un accidente de tráfico no Corredor do Morrazo, e pola tentativa de homicidio do condutor contra o que chocou intencionadamente. 

O tribunal provincial considera probado que, o 14 de xuño de 2018, o acusado seguiu a súa exmuller desde o centro de Vigo até o seu domicilio na rúa Sanjurjo Badía. Cando a vítima chegou á súa casa, este chamouna e convidouna a tomar algo nunha cafetaría en Chapela, alegando que quería falar con ela da filla que teñen en común

A muller aceptou, dado que a relación entre eles era cordial aínda que estaban separados, e subiuse ao coche. O acusado comezou a interrogala e a preguntarlle se lle fora infiel con outro home e, como a muller non lle respondía, este virou nunha rotonda e dirixiuse pola autoestrada cara a Rande, mentres a ameazaba con provocar un accidente e matarse os dous. 

A súa exparella tratou de acougalo e, aínda que o home virou ao chegar a Domaio en dirección de volta a Vigo, ao saír da autoestrada novamente cambiou o sentido da marcha e volveu á devandita autoestrada en dirección a Rande. Ao saír da AP-9 tomou o Corredor do Morrazo que, neses momentos, tiña varios tramos en obras e estaba sinalizado para advertir da necesaria moderación da velocidade. 

O acusado anuncioulle á vítima que ían chocar e a matarse os dous e acelerou, conducindo de forma temeraria, até chocar deliberadamente contra un turismo. Após o choque díxolle á súa exmuller que, nesa ocasión, saíralle "mal" a "xogada", e saíu do vehículo para cruzar a mediana e abalanzarse sobre outro coche que viña en sentido contrario.

COLISIÓN "INTENCIONADA". A pesar de que a defensa de Ángel Martín sostivo no xuízo que o accidente fora fortuíto, debido a que a vítima mordeulle a man ao acusado cando este quixo quitarlle o teléfono e obrigouno a dar un volantazo, o tribunal sinalou na súa sentenza que non hai "dúbida ningunha" de que a colisión foi "intencionada", e co ánimo de acabar coa vida da muller. 

Así mesmo, a Audiencia tamén xustifica que houbo aleivosía, xa que o acusado actuou de forma sorpresiva, sen que a muller tivese capacidade de reacción ou de defensa. Por iso, considérao autor dun delito de asasinato en grao de tentativa, coa circunstancia agravante de parentesto (aínda que non acepta a agravante de xénero). Así mesmo, atribúelle un delito de homicidio tentado, con respecto ao condutor do coche contra o que chocou, e que quedou sinistro total. 

No entanto, o tribunal aplícalle a circunstancia atenunante de anomalía psíquica xa que, no momento dos feitos, Ángel Martín padecía un episodio depresivo grave, que minguaba moderadamente a súa capacidade volitiva. 

Por estes feitos condenouno a penas que suman 12 anos e 9 meses de cárcere, e imponlle a prohibición de achegarse ou comunicarse coa súa exmuller por un tempo de 8 anos. Con respecto á responsabilidade civil, o tribunal non se pronunciou, xa que os prexudicados renunciaron a indemnización. 

Comentarios