Danza urbana en Marín contra a violencia machista

Con este acto, a Deputación retoma o programa Mulleres en Acción. Violencia Zero

Actuación de Elahood en Marín. DAVID FREIRE
photo_camera Actuación de Elahood en Marín. DAVID FREIRE

A Deputación de Pontevedra volveu lanzar un berro para mover conciencias contra a violencia machista, neste caso en Marín, a través da danza urbana. A actividade supuxo a volta do programa de igualdade Mulleres en Acción. Violencia Zero tras o parón de varios meses debido á Covid-19.

A Alameda da vila marinense foi o escenario da actuación da compañía Elahood, nun acto que contou coa participación da deputada provincial de Igualdade, María Victoria Alonso, e da alcaldesa de Marín, María Ramallo, e que tivo unha grande acollida por parte do público asistente, que en todo momento seguiu a actividade con máscaras, de acordo á normativa vixente.

Cunha posta en escena minimalista, as bailarinas Sabela Domínguez e Julia Laport protagonizaron a súa peza Protocolo, que a través da mestura de distintos elementos de danza urbana cos que elas teñen creado un estilo propio, quere poñer o foco sobre moitos "protocolos sociais" que se impoñen ás mulleres e aos que deben adaptarse para ser aceptadas. 

A deputada de Igualdade, María Victoria Alonso, incidiu na súa intervención na importancia da acción colectiva para poñer freo a unha violencia de xénero que este ano xa se cobrou 25 vítimas, catro nos últimos días. "Seguimos obrigadas a amosar a nosa indignación e rexeitamento contra a violencia exercida contra as mulleres porque, lamentablemente, esta lacra segue sen dar tregua.Pero nós non nos imos cansar de berrar cada día e denunciar esta situación", declarou.

"Estamos convencidas de que as distintas disciplinas da arte, neste caso os pasos da danza urbana, poden axudarnos a "mover" conciencias e dar así un xiro á situación actual. Cremos que, como di o lema deste programa, para chegar á Violencia Zero precisamos a acción, un movemento que nos comprometa a todas e todos neste obxectivo común e que implique a todo o conxunto da sociedade na loita contra todo tipo de violencia machista", apuntou Alonso. Neste senso, amosou a súa satisfacción pola volta do programa ás rúas e agradeceu a implicación nesta loita tanto do Concello, e no seu nome da alcaldesa María Ramallo, así como da veciñanza que se achegou este xoves á Alameda para asistir ao evento.

Pola súa banda, María Ramallo puxo en valor que Marín fose o primeiro escenario do programa da Deputación trala pandemia e subliñou a necesidade de seguir traballando en prol da igualdade. Así mesmo, quixo destacar o papel fundamental que tiveron os Centros de Información á Muller (CIM) durante o confinamento a pesar das limitacións.

Despois desta acción, nos meses de xullo e agosto, desenvolveranse outras seis  enmarcadas no programa Mulleres en acción. Violencia Zero. As vindeiras serán o día 29  de xullo no concello de Gondomar, que acollerá a actuación de Zeltia coa peza Muller tribal na praza de Paradela ás 12 horas, e o día 30, en que a cantante e poeta lucense Laura LaMontagne ofrecerá a performance poético-musical TICKy-TACKy-PATRIARCHy na praza do Corgo do Grove (12.30 horas).

Comentarios