'A Despensa de Ría': da lonxa de Bueu a calquera lugar nun clic

A confraría de pescadores presenta o seu novo proxecto de 'marketplace' e outro sobre vixilancia de bancos marisqueiros
O Néboa Un é a embarcación construída para levar a cabo o proxecto 'Embarving'. APP
photo_camera O Néboa Un é a embarcación construída para levar a cabo o proxecto 'Embarving'. APP

As novas tecnoloxías son o piar dos proxectos que vén de presentar a confraría de pescadores de San Martiño de Bueu grazas ao financiamento da Consellería do Mar a través do Grupo de Acción Local de Pesca da Ría de Pontevedra e se desenvolveron entre os anos 2020 e 2022. A axuda recibida chegou ata os case 185.000 euros.

E é que dende hai uns meses, comprar produtos da lonxa bueuesa desde calquera lugar de España é tan sinxelo como darlle a un botón grazas ao novo marketplace A Despensa da Ría, unha das iniciativas levadas a cabo pola confraría. Tamén se presentou este venres Embarvig, un proxecto que consistiu na construción dunha embarcación para a vixilancia monitorizada dos bancos marisqueiros.

Como patrón maior en funcións, xa que este sábado foron as eleccións das confrarías en todo o territorio, José Manuel Rosas agradeceu ao Galp a súa axuda para levar adiante estes proxectos. "Agradecemos moitísimo que o grupo valorase estas iniciativas que lles presentamos e por iso se acabaron convertendo en realidade. Estamos moi orgullosos destes proxectos".

A lonxa en internet

No caso do marketplace, Rosas expresou que "xa era hora de usar as novas tecnoloxías e de poñernos ao día. A venda convencional cada día queda máis nun segundo plano e deste xeito conseguimos que os nosos produtos estean en todas partes".

Precisamente ese é o principal obxectivo de A Despensa da Ría, mellorar a comercialización de produtos da ría de Pontevedra, con especial atención aos que veñen do mar, concentrando o produto no mercado. Para este proxecto, a confraría de Bueu recibiu unha axuda de 92.380,40 euros.

O sistema desta páxina segue o habitual de calquera tenda online e busca comercializar o peixe e o marisco da ría. Ademais da propia confraría, que vende produto da lonxa, a páxina conta con vendedores asociados que distribúen o produto fresco ou elaborados. A día de hoxe, están adheridas tres praceiras, a marca Pulpo de Ons e o restaurante A Centoleira, que no seu caso tamén vende de xeito online a través desta plataforma a súa famosa empanada.

Dende a confraría e coa a axuda do Galp, impartiron un curso aos vendedores asociados —que para poder vender a través da páxina deben ser clientes da lonxa— sobre o funcionamento do marketplace e para que nun futuro sexan eles mesmos os que fagan as xestións cos clientes.

De feito, o contacto co cliente é o factor diferenciador que buscaban dende Bueu con esta iniciativa. "Queremos buscar ese punto de cercanía cos clientes", explica Rosana Solla, que axudou a desenvolver a páxina. Con respecto ao de achergarse á persoa que está detrás da pantalla mercando, unha vez se realiza a compra, a confraría ponse en contacto co cliente para preguntarlle como, cando e donde recibilo. Neste caso, se a persoa que compra reside preto de Bueu ten a posibilidade de achegarse a recoller o pedido.

Este Nadal será o primeiro que A Despensa da Ría estea en funcionamento e as expectativas son boas. De feito, algúns clientes xa comezaron a preguntar por produtos coma o percebe de cara a estas datas e tamén se espera unha alta demanda da centola. Outros dos produtos que están sendo moi demandados son a nécora, o polbo, a sardiña, a xouba ou o sargo. Con todo, a dispoñibilidade do xénero no marketplace tamén está suxeita e condicionada ao tempo, xa que hai moitas especies que non se recollen con metereoloxía adversa.

Ata o momento, a maior parte dos clientes son particulares, aínda que tamén teñen mercado dende a restauración. Para realizar os envíos, que chegan a toda España, a confraría de Bueu traballa con Seur Frío, para garantizar o bo estado do produto.

Mellora da extracción dos recursos 

Outro dos proxectos presentados este venres foi Embarvig, que consistiu na construción dunha embarcación para a vixilancia monitorizada dos bancos mariqueiros. O obxectivo desta iniciativa, que recibiu unha axuda de 92.333, 23 euros, é mellorar a extracción dos recursos pesqueiros, grazas a vixilancia e control dos mesmos, en especial do percebe. 

Este proxecto desenvolveuse durante o periodo dun ano, no que se construíu a embarcación Néboa Un e se deseñou unha aplicación para as tarefas de vixilancia. A través deste sistema poderase controlar a talla das especies, as zonas de traballo, o número de barcos e de tripulantes, os quilos recollidos e a hora de entrada e saída da extracción. 

Tal e como indicou o patrón maior, José Manuel Rosas, "é unha maneira de informatizar unha tarefa que se estaba facendo ata agora con papel e bolígrafo. Isto permítenos tamén recabar máis datos". Con este proxecto tamén se fará unha mellor xestión dos recursos. Agora mesmo a aplicación atópase nunha etapa de incluír novas funcionalidades. Con respecto á embarcación, botarase ao mar nos próximos días.

Comentarios