Detidas catro persoas en Poio tras roubar unha furgoneta en Marín

Un dos implicados fora detido o pasado venres por subtraer outro vehículo

Axentes da Garda Civil de Pontevedra interceptaron durante a madrugada deste domingo a catro persoas que viaxaban nunha furgoneta que, ao parecer, fora roubada previamente no municipio de Marín. 

A detención dos sospeitosos produciuse en Poio. Na zona de carga do vehículo atopáronse varias garrafas de gasoil que, segundo a Benemérita, intentaran vender a varios mozos na localidade de Portonovo. 

Un dos individuos é o coruñés detido en Poio o pasado venres por roubar un vehículo tras consumir estupefacientes e chocar contra unha vivenda.