Detido un veciño de Cangas por roubos en dúas ópticas en Moaña

Rompía o cristal dos escaparates para acceder ao establecemento. Nunha das tendas apropiouse dun lote de lentes valoradas en 2.000 euros

Guardia Civil. AEP
photo_camera Garda Civil. AEP

A Garda Civil detivo a pasada semana un veciño de Cangas como presunto autor de dous roubos cometidos en dúas ópticas en Moaña.

As investigacións iniciáronse ao ter coñecemento dun roubo que se cometeu a madrugada do mércores da semana pasada nunha óptica situada nunha céntrica rúa de Moaña, onde subtraeran un lote de lentes de sol, valoradas nuns 2.000 euros, logo de fracturar o cristal do escaparate do establecemento.

No marco das mesmas investigacións tamén se ten noticia de que na mesma madrugada tamén romperan o cristal do escaparate doutra óptica na mesma localidade, aínda que nesta ocasión non se levaron nada.

Por mor das pescudas realizadas conxuntamente por efectivos dos Postos da Garda Civil de Moaña e Cangas, xunto co Equipo de Investigación da Compañía de Pontevedra, púidose pescudar a identidade do presunto autor, que sería inmediatamente detido como presunto autor dos dous roubos, recuperándose parte das lentes subtraídas.

Trátase dun veciño de Cangas, de 40 anos, con amplos antecedentes policiais relacionados con delitos contra o patrimonio e o tráfico de drogas.

As dilixencias instruídas entregáronse no Xulgado de Instrución de garda de Cangas, onde terá que comparecer esta persoa cando sexa requirida pola autoridade xudicial.