Detido un veciño de Moaña tras intervirse no seu vehículo armas brancas e doses de cocaína e heroína

O home foi interceptado por axentes policiais mentres realizaban labores rutineiros de vixilancia ao observar comportamentos estraños no interior do vehículo
Agentes de la Policía Nacional. EUROPA PRESS
photo_camera Agentes de la Policía Nacional. EUROPA PRESS

Un home de 38 anos domiciliado en Moaña, F.P.T., foi detido tras intervirse varias armas brancas e distintas doses de heroína e cocaína no seu vehículo cando se atopaba en Vigo

Fontes policiais detallaron que os feitos tiveron lugar este mércores sobre as 21.25 horas, cando unha patrulla que realizaba labores de vixilancia na rúa Tercio de Afora observou que os ocupantes dun vehículo que circulaba pola zona comezaban a comportarse dun modo estraño ao advertir a súa presenza. 

Por este motivo, realizaron un seguimento do turismo, tras o que lle deron o alto. Deste xeito, comprobaron que a acompañante se atopaba moi nerviosa e presentaba feridas e rascazos nos brazos. Ademais, realizaron varias preguntas ao condutor, quen recoñeceu que consumía sustancias estupefacientes con asiduidade, pero negou habelo feito esa tarde. 

Dado que a súa acompañante tamén afirmou ser consumidora habitual de drogas, os axentes realizaron unha inspección do vehículo mediante a que atoparon dúas carteiras con varias moedas e papelinas nun oco do cadro de mandos situado xunto ao volante. Así mesmo, os policías descubriron sete gramos de heroína e cocaína distribuídos en pequenas bolsas brancas e azuis que se atopaban en compartimentos ocultos do turismo. 

Tamén interviron dúas navallas, unha coitela curta, un puño americano, un desaparafusador e unha porra extensible, todos ocultos, pero ao alcance do condutor. Posteriormente, os axentes detiveron a este home pola suposta comisión dun delito contra a saúde pública.

Comentarios