Doce meses con vistas a Bueu e coa arte de Josuha Xanbreo

O concello finaliza 2021 co lanzamento do seu propio almanaque, un conxunto de 15 láminas elaboradas polo artista local, qu epretenden dar a coñecer e poñer en valor os elementos patrimoniais e as dtas máis significativas da vila
O almanaque estará dispoñible para descarga gratuita na web municipal. B.N
photo_camera O almanaque estará dispoñible para descarga gratuita na web municipal. B.N

O bueu que somos foi o lema escollido polo Concello de Bueu para a súa última iniciativa: un almanaque personalizado. Un total de doce meses, doce ventás, para acercar os tesouros patrimoniais da localidade aos veciños da vila a través de ilustracións feitas a man polo artista buenense Yosuha Xanbreo.

Cunha idea que xurdiu dos debuxos encargados para os carteis das Freguifestas, o almanaque municipal recolle un total de 15 láminas diferentes con elementos representativos do patrimonio da localidade.

"Queremos que sirva para que a xente se sinta orgullosa dos nosos principais elementos de identidade", explicou onte o edil de Cultura, Xosé Leal, durante a presentación.

Edificios, como a Casa Consistorial, esculturas ou contornas naturais, coma as fontes, que pretenden recoller unha pequena mostra dos lugares máis característicos do casco urbano, o rural e das parroquias de Bueu.

Pero o almanaque ten tamén outro obxectivo: dar a coñecer as datas efemérides da localidade. Ademais dos festivos a nivel nacional ou datas recoñecidas como o Día do Carme ou o Día Nacional de Galicia, con cores diferenciadas no verde institucional de Bueu, o almanaque recolle tamén eventos destacados da vila como a Semana da Cultura Mariñeira en xullo ou dos días nos que se nomearon os fillos predilectos da vila.

"Queremos que sexan datas que as festexen e conmemoren todos os veciños e veciñas de Bueu", con efemérides dedicadas non só a eventos culturais, senón tamén a festas das parroquias ou datas conmemorativas de grandes fitos do feminismo ou personalidades de Bueu, co fin de "seguir visibilizando a figura das mulleres".

O Medioambiente e a ciencia son tamén protagonistas do almanaque, co Día dos Oceános ou o das Montañas, así como do deporte, "unha seña de identidade da vila".

A idea é que cada folla mensual sirva para dar a coñecer as celebracións importantes da vila e profundizar na historia e patrimonio local. "É o Bueu que somos en referencia a un pasado, a un presente, pero tamén a un futuro".

Unha ollada actual. "Co resultado da súa ollada, conseguiu plasmar este Bueu actual,con pegadas do pasado", sinala pola súa banda o alcalde da vila, Félix Juncal, no seu texto introdutorio do almanaque que, lonxe de ser una representación meramente realista, da un paso máis alá como unha visión artística e persoal do artista buenense que lle da vida a estes debuxos, Josuha Xanbreo.

Pintadas a man e coloreadas dixitalmente, as 15 láminas que forman o almanaque están pensadas para a xente de Bueu. Tal e como explica o propio artista, a idea é que sexan altamente recoñecibles para os veciños, pero con licencias artísticas que permitan incluír diferentes elementos nunha mesma imaxe.

O Concello creou unha tirada especial para o Nadal de 500 exemplares, en tamaño A3 e en A4, que xa se agasallaron entre o persoal municipal, e que proximamente chegará tamén aos colectivos culturais, deportivos, sociais e educativos da vila. Así mesmo, o almanaque estará dispoñible na web municipal para a súa descarga gratuíta e tamén se lanzará nas redes sociais do Concello un sorteo especial para conseguir algúns impresos.

A idea, tal e como explicou o edil, é facer un almanaque diferente cada ano co que visibilizar o patrimonio e cultura da vila e que se convertan nunha peza de coleccionista para todos os veciños da vila.

Comentarios