Dous días, un propósito

En tan só 24 horas, o marinense Carlos Pampín conseguiu gravar unha curtametraxe que agora é candidata aos Premios Mestre mateo. 'O Xeneral', título do audiovisual, estréase este sábado no Cine Seixo, un lugar de referencia para o xornalista e realizador
2020011113290695680
photo_camera Un momento da rodaxe da curtametraxe. CEDIDA

Certo é que a produción audiovisual leva o seu tempo. Realizar calquera produto destas características supón afrontar un proceso dividido en varias fases como o deseño do guión, a gravación, a montaxe... Pero en certas ocasións é necesario reducir ao menor tempo posible ese proceso para sacar a diante un filme. Quizais, para moitos, algo imposible, pero para o marinense Carlos Pampín, non o foi.

O Xeneral, a nova curtametraxe do xornalista e realizador de Marín, foi rodada en dous días en Vedra dentro do concurso audiovisual A fume de carozo. Os participantes contaban con tan só 48 horas para escribir, rodar, montar e estrear unha curta. O traballo de Carlos Prado Pampín foi a obra gañadora. O Xeneral tamén foi seleccionada na XIX Mostra do Ateneo Ferrolán, unha das mostras audiovisuais máis antiguas e representativas de Galicia.

Tras eses dous éxitos, Pampín decidiu dar un paso máis e a súa curta é agora candidata da nova edición dos Premios Mestre Mateo 2019 na categoría de ficción. É certo que esta non sería a primeira vez do marinense na gala do audiovisual galego, xa que no 2008 conseguiu ser finalista con Vellas, pero tal e como explica o autor "se pasamos entre os catro mellores iso sería un premiazo, porque é unha curta gravada en dous días, 'a toda leche'. Ser finalista con O Xeneral sería a bomba".

Entre este sábado e este domingo, os marinenses poderán ver 'O Xeneral' no Cine de Seixo con pases ás 20.00 e ás 22.00

Aínda así, o marinense é realista anota que "este ano vai a estar moi rifado todo. Falando con xente do audiovisual galego estivemos comentado que vai a haber moito nivel e moitísima calidade. De feito vai estar Álvaro Gago, un referente das curtas en Galicia, sobre todo coa súa última obra, Matria. Aínda así temos esperanzas".

Antes de enfrontarse a iso, si se chegase a dar o caso, Pampín terá que afrontar un xurado moito máis especial e incluso, en algún caso, moito máis crítico que os profesionais. Entre este sábado e este domingo (con pases as 20.00 e 22.00 horas), o marinense proxectará a súa curta no Cine de Seixo, "un lugar que é unha referencia para min". Pampín conta que "de pequeño pasaba as tarde no cine. O meu pai tiña un videoclub, o único que había en Seixo, moi preto de alí, e crieime aí. Todo o que é o mundo do cine en Seixo tráeme moi bos recordos e agora estrear unha curta aí é moi especial".

A última vez que o realizador e periodista marinense estreou unha peza audovisual en Seixo, o cine estivo prácticamente abarrotado. Foi co documental 'Homes de xeo'. "Encheuse o cine ata a bandeira. Fixemos catro pases e todos estiveron cheos, entón a ver si podemos repetir o éxito". Máis alá de conseguir ser finalista nos Premios Mestre Mateo, seguro que non habería mellor premio para Pampín que recibir o calor da xente da terra.

Os fundamentais. Un xoguete e unha hermida

Para realizar O Xeneral, Pampín e o seu equipo tivéronse que ceñir as características que propoñía o concurso a sorteo. Entre elas, a localización debía ser en Vedra. Tamén «ao comezar o concurso déronnos un sobre que non sabíamos o que era. Resultou ser algo que debíamos incluir na peza. Tocounos unha hermida, que foi unha de alí de Vedra, e un xoguete de neno. Todo tiña que ter un certo peso no guión», explica Pampín. 

Sinopse. "El viejo General sale con su caballo todos los días por los caminos de Galicia en busca de aventuras. Con su sable, sus medallas y su sombrero de plumas, siempre está dispuesto a ayudar a los demás. Pero en este mundo moderno, no todos entienden su cometido en la vida". 

Perfil. Carlos Prado Pampín é periodista e realizador audiovisual. Anteriormente realizou outras curtas como Vellas, a historia de amor de dúas mulleres da terceira idade nunha aldea galega, finalista nos Mestre Mateo 2008, en Curtocircuíto e no Festival de Cans de O Porriño; ou A mano o a máquina, unha charla entre dúas señoras sobre as novas tecnoloxías, mentres lavan a man a roupa nun pozo.

Actualmente Carlos Pampín está inmerso na rodaxe do documental Devolviendo el golpe, no que conta a historia de superación do boxeador de Marín, Aarón González The Thunder, campeón de España de boxeo.

Comentarios