Emotiva homenaxe ao veterano funcionario Alberto Mallo Area tras a súa xubilación

Unha vintena de asociacións e distintas autoridades participaron no encontro

Los colectivos hicieron una mención especial a María José de Pazo. M.G.
photo_camera Os colectivos fixeron unha mención especial a María José de Pazo. M.G.

Unha vintena de asociacións da vila, veciños e veciñas e distintas autoridades renderon este xoves homenaxe ao funcionario municipal recentemente xubilado Alberto Mallo Area, que deixou a dirección do Museo Municipal Manuel Torres logo de case tres décadas.

"Cando se anunciou a xubilación do funcionario municipal Alberto Mallo Area moitos dos que vimos facendo 'uso e abuso' dos seus servizos como responsable do Museo M. Torres nada máis coñecer a noticia entrounos certa preocupación pensando en que coa súa ausencia quedará un baleiro difícil de cubrir pois deixa un listón moi alto para quen veña a substituílo. Por suposto que ninguén é imprescindible, pero hai persoas que se fan máis necesarias que outras. E Mallo é unha delas". Así comezou Ángel G. Carragal, coordinador das asociacións que tomaron a iniciativa de organizar a homenaxe, unha emotiva descrición de agradecemento a Mallo pola súa dedicación ao Museo e a Marín.

A alcaldesa, pola súa banda, María Ramallo, pronunciou un discurso destacando a profesionalidade e o bo facer de Mallo.

As distintas asociacións organizadoras desta homenaxe entregaron un obsequio ao funcionario municipal recentemente xubilado.

O homenaxeado anunciou que continuará ao servizo dos marinenses, polo menos durante un ano máis, a través da asociación Depolgal

Así mesmo, fíxose unha mención especial á exconcelleira María José de Pazo Allariz, polo traballo realizado como responsable de Cultura ao longo destes últimos catro anos "promovendo e facilitando o estrechamiento das relacións entre os colectivos culturais e a Concellería de Cultura".

O acto de homenaxe estivo amenizado pola música dos grupos Os Chaneiros e Os de Marín, que actuaron no evento desinteresadamente.

O 23 de marzo de 1992 o marinense Alberto Mallo Area, que ata entón exercía como Policía Local, foi escollido polo Concello para custodiar as dependencias do Museo Manuel Torres. A súa simpatía e a súa entrega ao seu traballo forxaron entre este veciño e a cidadanía un lazo de unión que este xoves os marinenses quixeron facer patente.

Tal e como terminou Carragal a súa intervención, a Biblioteca Municipal acolleu este xoves "unha homenaxe merecida porque Mallo será sempre Mallo".

O funcionario homenaxeado agradeceu todas as mostras de agarimo recibidas e anunciou que continuará ao servizo dos marinenses, polo menos durante un ano máis, a través da asociación Depolgal.

Comentarios