Nava Castro: "Era de xustiza que o Enterro da Sardiña de Marín fora de Interese Turístico"

A directora de Turismo recibiu este sábado a insignia do Enterro da man do Ateneo Santa Cecilia como agradecemento por esta declaración
Celso Méndez colocó la insignia del Enterro a Nava Castro. DAVID FREIRE
photo_camera Celso Méndez colocó la insignia del Enterro a Nava Castro. DAVID FREIRE

O local do Ateneo Santa Cecilia de Marín acolleu este sábado un acto para celebrar a recente declaración do Enterro da Sardiña como Festa de Interese Turístico de Galicia. O recoñecemento fíxose oficial no Consello da Xunta celebrado o pasado xoves, presidido pola directora de Turismo, Nava Castro. A Xunta Directiva da entidade cultural marinense quixo agradecer dita distinción facendo entrega a Castro da insignia do Enterro, evento carnavalesco cuxa celebración no Mércores de Cinsa se remonta ao ano 1882.

Ataviado coa indumentaria do Enterro da Sardiña, o presidente do Ateneo, Lois Dopazo, asegurou que a declaración desta cita como de Interese Turístico supón "un recoñecemento a un traballo de moitos anos". No seu discurso, agradeceu a todas as persoas e agrupacións que fan posible a súa celebración: "Esta distinción débese a todos vós".

A alcaldesa do municipio, María Ramallo, interviu para poñer en valor a labor do Ateneo, ao que considera "guardián das esencias de Marín". A rexedora mostrouse "orgullosa, porque este é un distintivo de calidade e que protexe o noso Enterro". Animou á entidade a "seguir ese camiño" e insistiu en "implicar ás xeracións que veñen neste sentimento".

O momento máis importante chegou coa entrega da insignia do Enterro a Nava Castro. O directivo do Ateneo Celso Méndez, definido por Dopazo como "o máximo valedor do evento", foi o encargado de facer os honores e colocou o agasallo á directora de Turismo.

Castro, pola súa parte, asegurou que participar no recoñecemento da cita do Entroido marinense "éncheme de orgullo. Era de xustiza que o Enterro da Sardiña de Marín fora Festa de Interese Turístico autonómico". Ademais, animou á entidade a impulsar que a cita sexa recoñecida como de Interese Turístico nacional.

O Enterro da Sardiña marinense remóntase ao século XIX. Tras o parón durante a ditadura franquista, o evento foi retomado en 1976, data dende a que se celebrou ininterrumpidamente ata o 2020 e, tras dúas edicións sen celebrarse, a cita foi recuperada este ano.

Comentarios