O espazo do antigo cemiterio de Bueu ábrese á cidadanía tras cinco décadas

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, inaugurou este luns a nova imaxe da contorna da igrexa de San Martiño, unha actuación na que se invertiron 135.000 euros
Un momento da visita de Carmela Silva á renovada contorna da igrexa de San Martiño en Bueu. RAFA FARIÑA
photo_camera Un momento da visita de Carmela Silva á renovada contorna da igrexa de San Martiño en Bueu. RAFA FARIÑA

A contorna da igrexa de San Martiño de Bueu xa conta cun novo espazo de lecer para a cidadanía debido á transformación do antigo cemiterio nun xardín de 1.500 metros cadrados. A presidenta da Deputación provincial, Carmela Silva, visitou este luns a zona xunto ao deputado Héctor Santos, o alcalde da localidade, Félix Juncal, e outros membros da Corporación municipal tras o remate das obras, nas que se invertiron 135.000 euros con cargo ao Plan Concellos .

Este camposanto, clausurado no ano 1970, acaba de ser recuperado máis de medio século despois do seu peche. Os obxectivos do proxecto, plantexado fai aproximadamente unha década, pasaban por "rehabilitar este lugar da memoria e convertelo nun gran parque público", así como "dotar de accesibilidade á contorna da igrexa", segundo indicou Juncal.

A presidenta provincial, pola súa parte, manifestou a súa "alegría por poder ser partícipe do cambio, sobre todo cando supón mellorar a calidade de vida das persoas e recuperar espazos verdes", accións que considera "fundamentais para garantir a supervivencia do planeta". Así mesmo, Silva puxo de manifesto que "tan importante é crear espazos novos como manter vivo o recordo do que foron con anterioridade".

As obras acometidas na contorna do templo parroquial consistiron, principalmente, no axardinamento do espazo e no acondicionamento de dous miradoiros, un máis amplo na parte norte para o que se aproveitou a estrutura dun muro perimetral parcialmente derrubado. Tamén se delimitaron os carreiros interiores –perimetrais e un central–, e restaurouse un antigo panteón, acción que pretende lembrar os anteriores usos deste lugar.

Tan importante é crear espazos novos como manter vivo o recordo do que foron con anterioridade"

Os traballos incluíron a dotación de mobiliario público e melloras en materia de accesibilidade a este novo espazo dende a estrada provincial do Valado (EP-1303 Banda do Río-A Portela). Nesta liña, tamén se levou ao cabo a construción dun novo muro nesa fronte, superposto ao anterior, e dous tramos de escaleiras que comunican directamente cos xardíns e co atrio do templo para sortear o desnivel existente.

A inauguración deste renovado espazo, segundo indicou Silva, supón "a posta en valor do patrimonio arquitectónico e vexetal e un importante embelecemento dun concello con tantos valores naturais e etnográficos como Bueu".

comentarios