Un estaleiro marinense ponse á cabeza no sector dos megayates

Cun equipo de 22 persoas e en pleno crecemento, a empresa Amura, nacida en Seixo, é a única de gran tamaño en Galicia especializada na reparación e construción naval de luxo
undefined
photo_camera O barco elaborado por Amura que partirá a Mexico nas próximas semanas. CEDIDA

A empresa Estaleiros e Servizos Amura naceu na parroquia marinense de Seixo fai xa 18 anos. Dedícase á reparación e produción de embarcacións de recreo e entre os seus últimos proxectos atópase a construción dun pequeno barco pioneiro no sector do luxo. A súa fonte de inspiración atópaa nas embarcacións típicas para un día de lecer habituais das zonas de Miami, Eivissa ou Dubai. Por encargo dun cliente en Cádiz, porá rumbo a México nas próximas semanas.

Cándido da Silva, copropietario da empresa xunto á súa muller, Ángeles Rosales, regresou a Galicia en plena pandemia tras sete anos fóra da comunidade na Costa Brava e Eivissa. Alí familiarizouse con este tipo de embarcacións, pensadas para gozar durante o día dunha xornada de sol, "un concepto que aquí non se dá". Ademais de ter unha forma de casco diferente, luces LED para iluminar a embarcación e un equipo de música integrado, "ten algúns detalles que lle fixemos nós" pensados especialmente para este proxecto, como un garaxe ou compartimentos para gardar as defensas. "É un barco único".

Pero este non é o único proxecto en marcha da empresa. "Tamén traballamos en megayates", como no que porán a punto nas próximas semanas en Vigo, de 112 metros de eslora, que será o iate privado máis grande que se realizará en España ata o momento. Entre as especialidades ás que se dedican desde Amura destaca o pintado profesional, para o que dispoñen dun equipo profesionalizado con sete persoas dedicadas en exclusiva a iso.

Entre os seus proxectos destaca a creación dun barco punteiro comisionado en Cádiz, que partirá nas próximas semanas a México

Cun mercado da pesca en declive, explica Da Silva, o mundo náutico do luxo está en aumento, do mesmo xeito que o seu equipo. Un total de 22 persoas compoñen a día de hoxe a compañía, a única de Galicia deste tamaño enteiramente especializada neste sector. "Hai moi poucas empresas porque ninguén se sae do normal", explica o copropietario.

A pesar de nacer en Seixo, lugar de orixe de Da Silva, a falta de espazo para aumentar a compañía na localidade marinense obrigoulles a trasladar o seu negocio a Vigo co obxectivo de poder pór en funcionamento as infraetructuras que precisan.

AMPLIACIÓN EN VIGO. A nave en Marín atópase nun terreo de 22.000 metros cadrados, no camiño de Castiñeiras, que empregan como almacén e oficinas ante as diversas dificultades burocráticas coas que se toparon á hora de ampliar na zona. "O negocio industrial en Marín morre" e Amura é vítima diso. Ante esta falta de espazo e a inexistencia dun polígono industrial na vila marinense, decidiron trasladar o seu taller a Vigo, onde dispoñen dunha cabina especializada para o pintado de embarcacións de luxo de grandes dimensións.

"Se houbese algunha oportunidade de quedarnos en Marín, fariámolo", destaca Da Silva. A industria, di, "xera moitos postos de traballo e consumo na hostalería e comercio local".

En canto ás esperanzas de futuro, "a tendencia é sempre cara arriba", destaca o copropietario, "o ano pasado eramos 17, fai catro, nove, se cadra dentro de dez somos 50".

Comentarios