Unha ferida leve tras sufrir unha colisión frontal en Marín

A condutora, de 26 anos de idade, invadiu o carril contrario e chocou contra un camión
2020011711495527452
photo_camera Os vehículos tras o incidente. POLICÍA LOCAL

Unha muller resultou ferida leve este xoves en Marín logo de chocar contra un camión. O suceso tivo lugar ao redor das 7.30 horas na PO-313 (punto quilométrico seis), á altura do lugar de Miñán, en Santo Tomé de Piñeiro. A condutora, de 26 anos de idade, invadiu o carril contrario e chocou contra outro vehículo que circulaba en sentido oposto.

Un particular foi o encargado de dar a voz de alarma a urxencias e os veciños da zona prestaron os primeiros auxilios aos implicados no accidente. A Policía local prestouse a ofrecer unha primeira atención no lugar dos feitos, onde acudiu posteriormente a Garda Civil de Tráfico para instruír dilixencias. Ademais, foron alertados polo 112 o voluntariado de Protección Civil, os Bombeiros do Morrazo e de Pontevedra e Urxencias Sanitarias.

No que levamos de semana, a Policía Local de Marín atendeu dous accidentes de tráfico na localidade. Ademais, o pasado martes os axentes abriron dilixencias a un novo marinense de 23 anos, con iniciais A. O. D., por un caso de condución temeraria ocorrido a madrugada do 1 de xaneiro. Nesta ocasión, o acusado realizou manobras perigosas na Rúa Jaime Janer e foi localizado grazas á gravación dun dos acompañantes, publicada en redes sociais.

Esta mesma avenida foi testemuña en tan só sete días doutro accidente, cando un condutor sufriu unha colisión contra varios vehículos estacionados ao tomar unha curva. Ocorreu o pasado martes e o home que se atopaba ao volante obtivo positivo en presenza de drogas (Benzodiacepinas) por culpa dun medicamento que lle foi prescrito.

Comentarios