A Festa da Caballa volve este venres a Aguete cunha degustación gratuita

O evento, que leva dous anos sen celebrarse por motivo da pandemia, dará comezo a partir das 20.30 horas
Presentación da Festa da Caballa. DP
photo_camera Presentación da Festa da Caballa. DP

O peirao de Aguete converterase este venres, día 19 de agosto, no epicentro gastronómico do municipio marinense coa celebración da que será a vixésima edición da Festa da Caballa, organizada pola Asociación Chirleu de Aguete en colaboración co Concello de Marín. Os membros de dita entidade estiveron este martes, acompañados polos edís Pablo Novas e Marián Sanmartín, na Casa Consistorial da localidade para presentar a programación festiva.

O evento, que leva dous anos sen celebrarse por motivo da pandemia, dará comezo a partir das 20.30 horas, o mellor momento do día, coincidindo co solpor, para desfrutar dunha cita gastronómica xunto ao mar no porto de Aguete.

Esta xornada pretende dinamizar e poñer en valor dito entorno, potenciando unha festa que leva xa vinte anos ocupando un importante lugar para o sector gastronómico local na programación estival do municipio. Nela poderase degustar o peixe protagonista da festa, as caballas asadas, ademais de pan, viño ou diferentes tipos de refrescos e bebidas. Tal e como acostuma, dita degustación será de carácter gratuito.

Ademais do carácter gastronómico que a define, a festa tamén contará con animación musical para os asistentes. Dende o seu inicio, a velada será amenizada pola actuación dun grupo de gaitas do municipio, impulsando aos veciños e veciñas do lugar a participar nesta cita anual.