Finalizada a catalogación das máis de 500 pezas arqueolóxicas do museo

O fin é facilitar a súa conservación e a consulta de investigadores, así como a súa posible exposición no futuro
Un momento de la entrega del informe por parte de Juan Castro a las ediles municipales. DP
photo_camera Un momento da entrega do informe por parte de Juan Castro ás edís municipais. DP

As máis de 500 pezas arqueolóxicas do arquivo municipal do Museo Manuel Torres xa están catalogadas. O arqueólogo Juan Castro, de Anta da Moura, fixo entrega este xoves ás edís Beatriz Rodríguez e Cristina Acuña, do informe no que se detalla o inventario completo destes tesouros históricos.

As labores de catalogación destas pezas deron comezo o pasado mes de febreiro e tiñan por obxectivo coñecer exactamente a procedencia de cada unha delas e ordenalas para poder facilitar a súa conservación e a súa futura consulta a investigadores. Todo o material foi clasificado por categoría ou tipoloxía coa vista posta en expolas nun futuro.

Castro aclara que as pezas inventariadas "proveñen de distintas partes do Concello vinculados a xacementos arqueolóxicos, pero que non teñen que ver con excavacións arqueolóxicas, senón que foron achegas de veciños e demáis que aparecían ao longo do tempo" e que se gardaban inicialmente na Biblioteca, antes de pasar aos fondos do museo.

A importancia destes achados radica principalmente na información que proporcionan sobre algunhas das épocas da historia da localidade, desde o Paleolítico ata a actualidade. "Era imprescindible clasificar estas pezas, inventarialas e teas en condicións de ser consultadas polos investigadores que teñan interese", sinala o experto.

Entre o medio milleiro de elementos catalogados, destaca sobre todo o material cerámico, a pedra e os metais. Con todo, tamén se puideron inventariar pezas de alta relevancia, como uns restos romanos que, aínda que non teñen contexto arqueolóxico, explica Castro, "son moi interesantes". Achados en Portocelo, son a proba de que "debían pertencer probablemente a un antigo asentamento romano que debeu existir por esa zona". 

De procedencia romana tamén se puido documentar unha ánfora, que apareceu no mar practicamente completa e que se pode ver xa no museo, así como varios fragmentos de muíños circulares típicos dos castros ou varias anforetas da India.

Comentarios