Os furanchos poderán solicitar en Marín unha prórroga excepcional para xullo

A tempada 2021 dá comezo este mes coas primeiras catro licenzas xa expedidas
undefined
photo_camera Entrega este martes da licenza ao furancho Chámpalle unha gasosa. CEDIDA

A tempada de furanchos dá o pistoletazo de saída este mes de abril coas primeiras catro licenzas. Debido á situación sanitaria, o Concello Marín permitirá outro ano máis ampliar o período de actividade durante o mes de xullo de forma excepcional.

O concelleiro de Medio Rural, Pablo Novas, acompañado do edil Manuel Domingos, acudiron este martes aos furanchos marinenses Chámpalle unha gasosa e A do currante, para facer entrega aos seus donos dos carteis acreditativos que os identifican coa licenza de apertura.

Estes dous locais serán os primeiros en abrir as súas portas, pero está previsto que "os outros dous aos que xa lles concedemos a licenza abran este venres, un en Pardavila, e o próximo venres, un en Pastoriza", sinalou Novas.

PRÓRROGA. Como medida excepcional ante os cambios no calendario que provocou a crise sanitaria e do mesmo xeito que ocorreu o ano pasado, o Concello permitirá aos furanchos prorrogar o seu período de actividade nun mes máis para facer poder suplir os meses que non puideron abrir a principios deste ano.

Poderán facelo aqueles que non consuman os tres meses de apertura continuada e que teñan aínda excedente por vender, permitindo así a súa apertura durante o mes de xullo.

O edil de Medio Rural fai fincapé en que os furanchos teñen activas todas as medidas sanitarias pertinentes derivadas da covid-19. Así mesmo, solicita "moitísima precaución e cumprimento das medidas tamén nestes establecementos, porque é o xeito de poder gozar de forma segura da súa apertura, sen poñer en risco a saúde pública".

A ordenanza que estipula as características e esixencias para poder exercer como furancho e formar parte do Rexistro Municipal de Furanchos e Loureiros atópase na web do Concello.

Comentarios