A Garda Civil intervén unha plantación de marihuana en Cangas

Na operación foron arrestadas tres persoas, unha parella de 31 anos e outro home de 35
Marihuana intervenida. GUARDIA CIVIL.
photo_camera Plantas intervidas. GARDA CIVIL.

A Garda Civil desmantelou unha plantación de marihuana en Cangas e procedeu á detención de tres persoas acusadas dun delito contra a saúde pública na modalidade de cultivo e elaboración de drogas. 

Os arrestados, unha parella de 31 anos e outro home de 35, atopábanse no domicilio no momento da intervención policial, que requisó un total de 28 plantas de cannabis. 

Por mor das investigacións realizadas polos efectivos do Equipo de Policía Xudicial da Garda Civil de Cangas, os axentes tiveron coñecemento dunha plantación de cannabis sativa nun terreo contiguo a un edificio de varias vivendas situado na localidade de Cangas. 

Nas tarefas de inspección da leira colaboraron efectivos do Seprona para proceder á retirada de dous cans potencialmente perigosos que custodiaban o invernadoiro, onde se localizaron 20 plantas de marihuana, un motor destinado á rega, varias bolsas con abonos minerais e un caderno con anotacións manuscritas. 

Ademais do delito contra a saúde pública, os axentes formularon tamén unha denuncia administrativa pola tenza indocumentada dos dous cans de razas potencialmente perigosas, que foron recollidos preventivamente pola protectora de animais do Morrazo. 

As dilixencias instruídas, xunto coas plantas intervidas, foron entregadas no Xulgado de Instrución de garda de Cangas

Comentarios