Gaspar Bernárdez: "O río Loira é unha xoia botánica descoñecida"

Co futuro dos ríos nas mans da educación e co fin de poñelos en valor, o enxeñeiro fala dos tesouros do Loira
Gaspar xunto ao ameneiro de Abelendos, no río Loira, en Seixo. DAVID FREIRE
photo_camera Gaspar xunto ao ameneiro de Abelendos, no río Loira, en Seixo. DAVID FREIRE

Gaspar Bernárdez coñece os bosques marinenses como a palma da súa man. Enxeñeiro e doutor en investigación agraria e forestal aposta pola educación na conservación e futuro dos nosos ecosistemas fluviais, onde ten descuberto grandes tesouros. As súas investigacións na contorna do río Loira chaman dende fai tempo a atención da comunidade científica nacional, coa que traballa para dar a coñecer árbores tan relevantes como o eucalipto robusto máis grande de Europa ou o ameneiro máis destacado de Galicia, unha testemuña vexetal da vida dos nosos antepasados.

Que tesouros agocha o río Loira?

O río Loira é unha verdadeira xoia botánica descoñecida, ten uns recursos impresionantes. No primeiro tramo está rodeado de brañas, onde arranca cunha poboación de árnica (do que se saca o líquido para os negróns) e a coñecida como lluvia de rocío, unha planta carnívora. Aquí tamén se atopa o rodal ou agrupación de pereiras bravas do Monte Jaján, o máis grande de Galicia e, a medida que comezas a baixar, atópase un exemplar de olmo montaña. O interesante desta árbore é que, de xeito natural, os olmos desapareceron en Europa por unha infección fungal coñecida como a graciosa. Esta árbore, grande e adulta, é por tanto un achado científico porque demostra que hai un exemplar resistente a enfermidade que pode ser estudada para repoboar cos seus fillos. Un pouco máis abaixo hai un bosque de abeleiras e un eucalipto distinto aos demais, un eucalipto robusto que, tras unhas consultas -entre elas á universidade Western de Australia-, podemos dicir sen dúbida que é o exemplar máis grande de Europa desta especie e está entre as máis grandes do mundo. Augas abaixo atopámonos xa co ameneiro de Abelendos, que é tamén o máis grande de Galicia.

Que ten de especial esta árbore para chamar a atención da comunidade científica nacional?

No catálogo de Árbores Senlleiras de Galicia só existe outro ameneiro catalogado, o do Pazo de Maside, máis delgado de perímetro, pero de maior altura. Isto se debe a que a árbore do Loira foi demoucada ata fai poucos anos. Ten un gran tronco con catro brazos que se cortaban cada 15 ou 20 anos aos dous metros para alargar a vida útil da árbore e aproveitar a madeira para todos os usos relacionados coa auga. A madeira do ameneiro é de mala calidade e se pica rapidamente en contacto co aire e o sol, pero mergullada resiste sempre e se empleaba na zona sobre todo para pontes, zocas...

As árbores contan así a historia dos nosos antepasados e o noso patrimonio forestal. Debería impulsarse máis dende a educación?

Se dis que habería que mellorar estamos dando por feito que hai algo, e eu penso que a educación ambiental é unha das grandes olvidadas no noso currículum escolar. Saímos sabendo moito de literatura, xeografía e historia, pero cando os nenos saen ao campo apenas son capaces de distinguir entre un carballo e un piñeiro ou erros tan grandes como pensar que o eucalipto é a especie autóctona dos nosos montes.

O que tira basura ao río é o veciño. Multar non é a solución a todo, a base está no colexio. O cambio somos nós

Como debería impartirse este tipo de educación?

Son defensor das ensinanzas integradoras, ao mesmo tempo que coñeces o río podes aprender sobre a cultura dos nosos predecesores. O ameneiro é parte da nosa cultura, esa forma que ten é traballada polos nosos antepasados e forma parte da nosa etnografía. Unha educación en Medioambiente debería ser non formal, práctica e de paseo, saíndo cada certo tempo e coñecer a contorna. As escolas de Marín ten a sorte de estar rodeadas de enclaves nos que se pode saír a pasear e aprender porque nun prado de cultivo apréndese o mesmo que nun río ou nunha duna. Todo é ter vontade de educar e de ter alguén que che ensine.

Como está afectando a contaminación e o cambio climático aos nosos ecosistemas fluviais?

A contaminación contribúe ao cambio climático e no caso do río, o que podemos comprobar e que canto maior é o aumento de temperatura nas nosas latitudes, vanse incorporar plantas que antes non había aquí, naturalizando o espazo e colonizando áreas nas que antes non estaban presentes. É unha cadea, non hai ningún acto illado, un cambio na estrutura destes ecosistemas o modifica todo.

Falemos entón das especies invasoras, é demasiado tarde para remediar a problemática?

O problema das plantas invasoras é moi complexo porque ao mesmo tempo que uns loitamos contra elas, os vivaristas continúan introducindo novas especies para a xardinería sen ningún control. Primeiro hai que actuar en parques naturais, reservas da biosfera e outros lugares cun interés de conservación elevado e, despois, a nivel local dende o propio Concello, pero tamén dende entidades privadas, asociacións ecoloxistas ou incluso de veciños ou ANPAS para facer actividades controladas con persoas especializadas. Se por exemplo no río Loira tres veces ao ano os nenos da escola máis cercana van alí a facer unha pequena actividade de erradicación, entre todos conseguimos primeiro, educar e concienciar aos chavales e, por outra banda, que estas pequenas actuacións cobren sentido e dean resultado.

Existe algún tipo de protección para evitar estes danos?

Todas as marxes dos ríos están incluídas por orde da Unión Europea como hábitats de interés prioritario, polo que están protexidos. Europa recoñece que as marxes dos ríos contribúen a diminuír a temperatura no verán, a súa vexetación preserva as augas dos fertilizantes que se botan nas leiras, manteñen o río no seu cauce...

Por que están entón tan prexudicados? Temos caudales cheos de plásticos e lixo a diario, cómo debería fomentarse a súa conservación?

O que tira lixo ao río é o veciño, somos nós os que tiramos eses refugallos. Multar non é a solución a todo, a base está no colexio. O cambio somos nós na actitude diaria e todo cambio, como dicía antes, debe pasar pola educación.

Comentarios