Gastronomía de cine en Bueu

A comida e o cine van da man na localidade a partir deste venres coa xa tradicional 'Ruta das tapas 5 estrelas', un percorrido gastronómico por trece locais da vila, en sinerxia co FICBueu, que permitirá aos comensais gozar de petiscos con sabor a cine
undefined
photo_camera Un momento da presentación da ruta este mércores no Concello de Bueu. B.N.

A hostalería buenense vístese de gala a partir deste venres para mergullarse de cheo no mundo cinematográfico do FICBueu. Acompañando aos dez días de proxeccións que ofrecerá o festival, trece locais de hostalería da vila presentarán unha especial proposta culinaria: unha tapa de película. Cun prezo de 2,50 euros, os pratos terán o nome dun filme, ao que tratarán de homenaxear en sentido literal ou figurado.

A ruta gastronómica Tapas 5 estrelas, que comezou como un evento anecdótico hai xa seis anos, é unha das citas máis esperadas do mes de setembro e recupera a normalidade tras unha versión reducida o pasado 2020, cando coincidiu cos peches da hostalería por mor das restricións sanitarias.

A cita, organizada pola Concellería de Promoción Económica, conta coa colaboración do FICBueu e da Asociación de Hostalería da vila e recuperará este ano tamén os cupóns, nos que os participantes poderán ir obtendo estrelas por cada proposta gastronómica que degusten nos diferentes establecementos participantes.

Unha vez chegado aos cinco selos, os clientes deberán entregar os seus cupóns cumprimentados na billeteira do FIC, no Centro Social do Mar, e terán a oportunidade de participar no sorteo de tres vales de 50 euros, que poderán gastar de forma íntegra nunha cea en calquera dos locais anotados da ruta.

A ruta recupera os cupóns de selado cos que os comensais poderán obter estrelas por cada tapa e entrar no sorteo dunha cea

IMPACTO ECONÓMICO. A proposta, que ten unha grande acollida entre hostaleiros e veciñanza, ten un bo impacto económico cada ano na vila e permite "espertar a curiosidade" dos cidadáns en locais que non coñecían, explicou Manuel Agulla, presidente da Asociación de Hostalaría de Bueu, durante a presentación. "A demanda é boa e funciona moito co boca a boca", aínda que o tempo é un factor determinante cada ano.

O obxectivo é crear sinerxias entre os diferentes sectores locais e dar a coñecer, "a diversidade da nosa hostalaría, que é das mellores", destacou a concelleira Silvia Carballo.

BOCADOS DE PELÍCULA. As historias detrás de cada unha das degustacións son un dos máximos atraentes da iniciativa, "cun enorme traballo" tras de si, destacou pola súa parte Nerea Lores, da organización do FICBueu, que fixo fincapé na importancia da ruta durante o mes de setembro, no que se trata de "impulsar o sector nun momento no que o turismo comeza a decaer".

Estas películas que protagonizarán cada un dos bocados da ruta están aínda por descubrir e se manterán secretas ata o comezo da mesma, pero poderán ser consultadas xunto cos locais participantes na web municipal e a través dos códigos QR que lucirán os carteis promocionais en cada un dos establecementos participantes, que se encargarán tamén de entregar os cupóns para o selado.

As tapas poderán solicitarse tanto ao mediodía como á noite en Buena Vibra, Casa Quintela, Secretos del Mar, A Cepa, O Farol, Casa Benito, A Esmorga, Noite Tapas, Pyramis, Volver, Centro Social do Mar e O Ratiño Pequeno. Todos eles terán o seu propio horario e un número identificativo para os diferentes selos.

Comentarios