A hostalería de Marín contará cun servizo para negociar o aluguer

Hoempo abrirá nos próximos días un formulario de solicitude para coñecer que locais necesitan este asesoramento
Un local de hostelería de Marín. GONZALO GARCÍA
photo_camera Un local de hostalería de Marín pechado no inicio das restricións hai case un mes. GONZALO GARCÍA

O Concello de Marín estudará a posta en marcha dun servizo para a negociación dos alugueres da hostalería local. Esta foi unha das cuestións que se abordaron este mércores durante unha reunión que mantivo a alcaldesa, María Ramallo, e a edil Marián Sanmartín con representantes do sector en Marín e Hoempo, cos que se tratou a situación da hostalería ante as medidas sanitarias e as medidas impulsadas polo Concello para poder axudar en todo o posible e para cubrir algunhas das necesidades dos hostaleiros.

Para o servizo de negociación, os propietarios dos bares, cafeterías e restaurantes da vila contarán coa asesoría dos técnicos da Cámara de Comercio.

Nos próximos días, Hoempo ten previsto abrir un formulario de solicitude para coñecer que hostaleiros de Marín necesitan este servizo, co que poderán saber como negociar os seus alugueres para tratar de conter o gasto.

Por outra banda, o Concello recorda que son moitas as medidas que están sobre a mesa para beneficiar a este sector, como a bonificación total da taxa de lixo durante o tempo que teña que estar pechado, a exención total da taxa de terrazas durante o 2020 e o 2021 e a posta en marcha de programas como o Reactiva Marín, que ofrecerá bonos de formación individualizada de 45 horas a máis de 30 negocios do municipio, tanto de hostalería como de comercio.

Con este programa, os propietarios aprenderán sobre desenvolvemento e mellora da imaxe do seu negocio; comunicación e venda, e visibilidade e posicionamento a través das redes sociais. O plan suporá un investimento de máis de 80.000 euros, cuxo 80% investirase con cargo á EDUSI Marín 2020, cofinanciada polos FEDER da Unión Europea.

Comentarios