O IES Johan Carballeira forma científicos de pura raza

O centro educativo de Bueu é o único do Morrazo que imparte o StemBach este curso, no que están matriculados 24 alumnos
Los alumnos del IES Johan Carballeira de Bueu. AP
photo_camera 2020110913271294200

"Isto dáche unha visión máis práctica da ciencia". Así definen os alumnos do IES Johan Carballeira de Bueu a súa experiencia no StemBach, o Bacharelato de excelencia en ciencias e tecnoloxía co que se pretenden promover as vocacións do alumnado mediante a investigación científica e tecnolóxica. O centro é o único do Morrazo que o imparte.

Esta modalidade permite unha conexión directa co ensino universitario para o fomento do coñecemento, que inclúe dous anos de formación fóra do horario lectivo. Compleméntanse as clases teóricas con prácticas de laboratorio e conferencias. No segundo ano, os alumnos desenvolven un proxecto similar a un TFG universitario, que posteriormente defenden publicamente, neste caso na UVigo.

Miguel Quiroga: "Isto é un reto para nós porque temos que meternos en cousas que se escapan do noso coñecemento"

A pesar da súa aparente complexidade, os alumnos do Johan Carballeira matriculados no StemBach consideran que é "moito máis dinámica e veslle unha utilidade a esa teoría que moitas veces pensamos que non nos vale para nada". Nesta modalidade do Bacharelato están matriculados 24 alumnos, 12 de primeiro curso e 12 de segundo, que empezaron a súa andaina nesta nova experiencia o pasado. En xaneiro serán os que se terán que enfrontar a un tribunal para presentar os seus proxectos, polo que os nervios están cada vez máis a flor de pel.

A primeira xeración do StemBach do Johan Carballeria (bienio 2019-2021) está a traballar en tres proxecto: As cores da química, Química e cociña e Descubrindo a nanotecnoloxía: Fabricación de nanopartículas de ouro de diferentes cores para o seu uso como biosensores.

Héctor Aldao, estudante de 1º de Bacharel: "Para min o 'Stem' é un xeito de vivir novas experiencias e empezar a relacionarse coa universidade e a ciencia"

Pola súa banda, os que empezaron este ano (bienio 2020-2022) no Stem traballarán en catro proxectos: Coñecendo as neuronas con anticorpos, Astrobioloxía, tardígrados e habitabilidade exoplanetaria, Biopolímeros: os materiais do futuro e Está o combustible diesel condenado a desaparecer? Produción de biodiésel a partir de refugallos.

COORDINACIÓN. Detrás de todo este traballo atópase Miguel Quiroga, profesor de Química no Johan Carballeira e coordinar do StemBach. Quiroga é o encargado de captar alumnos para que se apunten a esta modalidade de Bacharelato: "Nós damos charlas tanto aquí como noutros centros para animar os alumnos a participar. Logo en 4º de ESO é cando seleccionamos os interesados, que normalmente vai por nota".

Alba Louzao, estudante de 2º de Bacharel: "O StemBach é unha forma que teñen as universidades de irnos atraendo cara ás carreiras"

Xunto a el, traballan outros catro profesores (Paulo González, Daniel Garrido, José Luis Martínez e María Goretti) e cada un encárgase de coordinar un proxecto. "Isto tamén é un reto para nós porque temos que meternos en cousas que se escapan do noso coñecemento. Eu inténtolles dicir moito que aquí non traballamos como un profesor e os alumnos, senón que somos un grupo", explica Miguel Quiroga, que cre que "esa é o xeito real de traballar cando se fai ciencia".

Comentarios