A Illa de Ons, escenario da nova película do cineasta Alfonso Zarauza

O filme empeza a rodarse este martes e os actores e actrices permanecerán no arquipélago durante cinco semanas
Presenatción del nuevo filme de Zarauza en Ons. JAVIER CERVERA-MERCADILLO
photo_camera JAVI Bueu. Estaleiro de Purro (Banda do Río). Presentación da rodaxe da peli 'Ons'. Asistirá conselleiro de Cultura, distintos actores galegos, etc. (ás 12.30 visita a Ons, opcional...)

A Illa de Ons converterase a partir de este martes no escenario de rodaxe da quinta película do cineasta Afonso Zarauza. Ons, un filme de drama e misterio, reunirá durante cinco semanas e media no arquipélago budetense a actores e actrices da talla de Antonio Durán Morris, Melania Cruz, Marta Lago, Anaël Snoek ou Miguel De Lira.

O novo proxecto audiovisual foi presentado este luns no Estaleiro de Purro e contou coas intervencións do director, Alfonso Zarauza, do produtor executivo, Xavi Font, do conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, da deputada provincial de Cultura, María Victoria Alonso, e do edil de Cultura, Patrimonio, Innovación e Desenvolvemento Tecnolóxico de Bueu, Xosé Leal, así como dos actores protagonistas da historia, Morris e Melania Cruz, que se mostraron encantados coa nova produción audiovisual. Así mesmo, contou coa presenza de representantes da CRTVG e da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic).

Zarauza agradeceu o financiamento de cada unha das institucións participantes, sen a cal non sería posible realizar o proxecto.

Así mesmo, o director galego recordou que Ons non só será a súa quinta longametraxe, senón o "proxecto máis complexo e apaixoante que teño entre mans". "Tratar dun filme de misterio, cun verniz autoral, e que trata o amor desde a propia necesidade del", e apuntou que o traballo ten unha clara visión feminista, tanto na historia que conta como na cantidade de mulleres que participan nela.

O conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, asegurou que Ons "será un novo éxito do noso audiovisual", e puxo como exemplo do bo facer deste sector en Galicia os éxitos logrados polo cineasta Oliver Laxe co seu filme O que arde, premiado no festival de Cannes. Así mesmo, puxo en valor o potencial da Illa de Ons e recordou que está próximo o seu recoñecemento como Patrimonio da Humanidade pola Unesco.

Pola súa banda, a deputada provincial de Cultura, María Victoria Alonso, destacou que a película estará rodada "nun dos nosos paraxes naturais" e subliñou que iso repercutirá positivamente na imaxe da Illa de Ons de cara ao exterior.

O edil budetense Xosé Leal foi máis aló e indicou que "este filme seguramente acabe nun dous mellores festivais do mundo", e engadiu que a idiosincrasia dos insulars reflectirase na película.

Para rematar, o produtor, Xavi Font, sinalou que se trata dun traballo coproducido con Portugal, e agradeceu o apoio económico das institucións implicadas, xa que "sen a súa achega o filme non sería posible".

Comentarios