Juncal mantén o equipo co obxectivo de optar a un cuarto mandato

O actual alcalde nacionalista premia o esforzo de Silvia Carballo e sitúaa no segundo posto

O nacionalista incorpora ao seu equipo algunhas caras novas. CEDIDA
photo_camera O nacionalista incorpora ao seu equipo algunhas caras novas. CEDIDA

O actual alcalde de Bueu é candidato a optar a un cuarto mandato consecutivo polo BNG, Félix Juncal, fixo pública este sábado a lista coa que concorrerá ás próximas eleccións municipais. Pese a que hai caras novas, Juncal optou por conservar aos seus concelleiros e concelleiras co obxectivo de converterse no alcalde buenense que máis tempo ostentou o cargo na historia do municipio.

"Despois de doce anos de políticas transformadoras agora é o momento de afondar no modelo, sempre con Bueu no noso horizonte", afirmou Félix Juncal.

Así, tras catro anos asumindo un intenso traballo, Silvia Carballo da un salto adiante colocándose no número dous da lista; o número tres ocúpao o deputado provincial e actual concelleiro de Cultura, Xosé Leal; ségueno a actual concelleira de Mocidade e veciña de Bueu, Imaculada Rodríguez, Macu: o edil de Urbanismo Martín Villanueva; como novidade, o sexto lugar na lista ocúpao Tamara Sotelo, veciña de Bueu e doutora en Bioloxía; completan o equipo Ricardo Verde, "todo un referente en deporte local", según Juncal; a concelleira de Igualdade, Ana Isabel Otero; o edil de Facenda, José Inocente García Cuervo, veciño de Banda do Río; a titular do departamento de Servizos Sociais, María José Otero; Agustín Gallego, Tinso, administrativo e nova incorporación no equipo do BNG; o número 11 ocúpao outra cara nova, Susana Bastón, oceanógrafa e veciña de Cela; Alberto Moital, arquiveiro e veciño de Bueu; a concelleira de Educación e Sanidade, Teresa López; o edil de Medio Ambiente, Adrián Ferrer; Iria González Durán, enfermeira e residente en Cela, última incorporación ao equipo de traballo; e, pechando a lista atópase Antonio Rosales, Toño, hostaleiro e veciño de Bueu.

O candidato a revalidar a alcaldía adiantou que o equipo xa comezou a traballar na configuración das liñas base do que será o seu programa electoral para os comicios municipais.

Neste campo, afirma, os novos perfís "poden axudarnos a afondar nas novas políticas", que constituirán unha continuación ao traballo que se ven facendo nos últimos anos.

Deste xeito, o partido quere dar un salto cualitativo, centrándose sobre todo en conceptos como a mobilidade, a igualdade, a ecoloxía e as políticas sociais.

Comentarios