Máis de 60 millóns de investimento autonómico na seguridade viaria do Morrazo

Ethel Vázquez reuniuse co alcalde de Cangas para dar conta dos últimos proxectos desenvolvidos pola Consellería na comarca

A conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, mantivo este luns pola tarde un encontro de traballo co alcalde de Cangas, Xosé Manuel Pazos, ao que lle trasladou que a Xunta está a investir máis de 60 millóns de euros en actuacións para mellorar a seguridade viaria nos concellos de Cangas e Moaña.

Vázquez Mourelle lembrou que o Goberno galego está a executar a Autovía do Morrazo, "a infraestrutura viaria de maior investimento autonómico que se está a desenvolver, cun orzamento de máis de 55 millóns de euros", apuntan fontes da Consellería.

No encontro mantido co rexedor cangués, a responsable de Infraestruturas incidiu no cumprimento dos prazos na obra do Corredor, que abrirá os seus dous primeiros tramos como autovía "libre de peaxes" no vindeiro mes de maio e que "resolverá os problemas de capacidade do Corredor actual e incrementará a seguridade viaria".

PO-551. Na liña de aumentar a seguridade nas estradas da comarca, o Executivo autonómico tamén está a impulsar unha estratexia para a eliminación de tramos de concentración de accidentes, concretamente na estrada entre Marín e Rande, que atravesa toda a comarca, cun investimento de máis de 2,5 millóns de euros.

No próximo mes, someterase a información pública o proxecto para actuar nun tramo de tres quilómetros na parroquia de Tirán, en Moaña, e tamén ao seu paso polo municipio cangués. A estratexia tamén contempla un proxecto que se licitará en outono para eliminar outro treito de concentración de accidentes existente entre as travesías de Meira e Domaio.

Tamén en maio, a Xunta ten previsto iniciar os traballos de mellora do firme e da sinalización horizontal nas estradas PO-315, que une Bueu e Cangas, na PO-551 e na variante de Marín, cunha achega económica de máis de 760.000 euros, tal como recollía o Diario Oficial de Galicia o pasado 20 de novembro.

VARIANTE. No que se refire á variante de Cangas, a conselleira advertiulle a Xosé Manuel Pazos da necesidade de que o Concello "clarifique a súa postura en relación ao trazado desta infraestrutura, tendo en conta as últimas noticias sobre posibles cambios previstos no plan urbanístico".

A licitación construtiva deste proxecto, actualmente parado, saíu no 2016 por un importe de máis de 100.000 euros.

Dúas sendas peonís en marcha
Por outra banda, a Consellería continúa a desenvolver o seu Plan de sendas de Galicia, que na comarca morracense deixará preto de tres millóns de euros, que se destinarán á creación de oito novos itinerarios para peóns. No outono licitaranse as obras de execución da senda entre Moureira e Palmás, na PO-551, á vez que se avanza na redacción do proxecto do itinerario entre Trasouto e A Madalena.

 

Comentarios