Malestar en Anduxía por un recheo de cemento na praia da Banda do Río

A construción do acceso peonil ao peirao de pasaxeiros do Porto de Bueu ocupa 80 m² do areal
O estado das obras na praia da Banda do Río. DP
photo_camera O estado das obras na praia da Banda do Río. DP

A asociación ecoloxista Anduxía de Bueu vén de denunciar a ocupación dunha parte da praia da Banda do Río a causa da construcción dun acceso peonil que comunicará a rúa Montero Ríos co peirao de pasaxeiros do porto do municipio. Segundo indicou o presidente do colectivo, Suso Framil, a obra, que está sendo realizada por Portos de Galicia, "prometía unha pasarela voladiza que respectaría o areal".

Os traballos para a posta en marcha do proxecto, que pretende mellorar as condicións de accesibilidade á zona de embarque, deron comezo no mes de febreiro, pero foi a pasada semana cando os operarios iniciaron a construcción da vía peonil.

Dende Anduxía trasladaron un profundo "malestar e sorpresa" ao comprobar que "o primeiro tramo deste acceso consiste nun recheo de cemento que lle come 80 metros cadrados á praia". Así, o colectivo considera a acción "absurda e inxustificada", xa que a pasarela "podería transcurrir polo firme actual do acceso ao peirao; bastaría con eliminar os escasos dez aparcamentos que hai na zona".

A asociación avanza que "nos próximos días porémonos en contacto coa Delegación Provincial de Costas para confirmar si expediu autorización para ocupar o dominio público" e conclúe que "é unha pena que esta acción empañe unhas necesarias obras que se levan demandando tanto tempo".

Comentarios