Manuel Pazos, o candidato do PSOE que aposta por "unha cidade amable para vivir"

O socialista presentouse este sábado á veciñanza na Alameda de Marín

O alcaldable socialista, nun intre da súa intervención deste sábado na Alameda Rosalía de Castro. CHRISTIAN FERNÁNDEZ
photo_camera O alcaldable socialista, nun intre da súa intervención deste sábado na Alameda Rosalía de Castro. CHRISTIAN FERNÁNDEZ

A Alameda Rosalía de Castro acolleu este sábado a presentación de Manuel Pazos como alcaldable polo Partido Socialista marinense. No evento, ademais da veciñanza e compañeiros do candidato, estiveron presentes o secretario xeral provincial do partido, David Regades; a presidenta da Deputación, Carmela Silva, e o secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, entre outros.

Pazos comezou a súa intervención ante os asistentes dando as grazas a tódolos militantes que o elixiron como o candidato e á súa familia. "Os socialistas somos xente boa que nos preocupamos pola sanidade, polo benestar, polas pensións, pola educación pública e pola igualdade", sinalou.

"É unha verdadeira honra para min estar liderando este proxecto en Marín. Este ano o PSOE cumpre 111 anos de historia na vila. Temos que presumir das nosas raíces fondas, dos nosos valores profundos e totalmente adaptados a unha sociedade moderna que pide cambios", apuntou o candidato socialista.

Manuel Pazos quixo recordar no seu primeiro discurso como alcaldable de veciños socialistas que foron rexedores da vila, polo que citou a Emilio Esperón, José Manuel Pierres, Antonio Santiago, Toneco e a Francisco Veiga.

ESPAZOS PÚBLICOS. "Quédannos mil proxectos por diante. Precisamos unha cidade amable para vivir, onde o espazo público sexa de calidade", comentou Pazos.

"Hai algunhas semanas presentamos a nosa proposta de mobilidade para que Marín teña espazo para aparcar e para o lecer, onde poida xogar a rapazada", apuntou o candidato do PSOE marinense.

"Precisamos un Marín onde se poida vivir e mercar un piso. O último edificio que se construíu na vila obtivo a licenza de obra cando estabamos nós gobernando, en 2010. É dicir, houbo oito anos de parálise", citou o alcaldable facendo referencia tamén ao abandono do casco vello ou ao elevado prezo do alugueiro no municipio, que comparou co de Pontevedra.

Outro dos puntos que manifestou e no que baseará a vindeira campaña electoral socialista foi a apertura de Marín ao mar. "Non podemos vivir de costas ao Porto. É moi importante dicirlle á Autoridade Portuaria que non queremos que Aduanas se traslade ao edificio de Ceferino Nogueira. Queremos que ese espazo pase a ser de uso público e que as naves próximas tamén o sexan".

Para rematar, o Manuel Pazos salientou a importancia de impulsar o comercio local na vila, de reconectarse coa zona rural do municipio e de atallar unha gran problemática, "a escasez de prazas públicas e privadas en centros para maiores".

Alto investimento en obras en Marín
A presidenta da Deputación de Pontevedra, a socialista Carmela Silva, tamén quixo adicarlle unhas palabras ao alcaldable marinense Manuel Pazos. Silva fixo fincapé no alto investimento que o ente que dirixe realizou na vila nestes últimos catro anos.

"A Deputación foi a Administración que máis investiu en Marín. Non hai rúa, iluminación ou saneamento, entre outros, que non teñan a súa sinatura. Todo o grande que se fixo nesta vila ten o selo dos socialistas, que non vos enganen", dixo.

Comentarios