Marín amplía a súa oferta turística cun novo hotel en pleno centro urbano

A empresa familiar do recentemente estreado Innmare Fortuna Boutique Hotel faise oco na oferta de aloxamentos en plena pandemia

De carácter familiar e en plena pandemia mundial, a empresa familiar do hotel Innmare Fortuna faise oco cun novo espazo hostaleiro de dúas estrelas en pleno centro urbano. O que é agora o segundo hotel da localidade conta con nove habitacións e xa ten abertas as reservas.

"As expectativas non son malas", sinala o administrador da empresa, que pon o punto de mira no turismo a medio e longo prazo e mantén as esperanzas nunha boa tempada este próximo verán, a pesar do "moi cambiante" da situación ao redor da crise sanitaria.

Asumir riscos é "a función dun emprendedor" polo que, cando a pandemia os sorprendeu en pleno proceso de renovación, tirar a toalla non estaba entre os plans. De familia mariñeira e con raíces en Marín, este proxecto é unha continuación dos que xa levou a cabo o seu pai antes ca eles e unha forma de proseguir o seu legado, ampliando a súa oferta de aloxamentos, que conta xa con varios apartamentos na Pobra do Caramiñal. "Somos de Marín e non só temos unha fonda fe non noso proxecto, senón tamén non noso pobo".

O nome é unha chiscadela ao lema do escudo marinense, a localidade que os viu crecer e tamén ás raíces mariñeiras da familia. "A localización dun hotel é moi importante e nós queremos dar a idea de que Marín é unha vila de mar" polo que dar a coñecer o atractivo turístico da costa da localidade e as súas praias é un dos obxectivos principais.

O novo hotel, que se estrea esta semana tras dous anos de obras afectados pola pandemia, atópase na Rúa Concepción Arenal, a escasa distancia do que era ata agora o único aloxamento destas características, o Hotel Villa de Marín. A maiores destes dous, o centro urbano esconde tamén un pequeno hostal restaurante nunha das súas rúas máis céntricas, o Hotel Marín, con anos de experiencia. A oferta de aloxamento no municipio complétase maioritariamente con apartamentos turísticos e casas rurais, altamente demandadas.

Comentarios