Marín pon en marcha a compostaxe comunitaria da man da Deputación

O Sequelo e A Cañota acollerán a próxima semana dúas xornadas nas que se impartirá formación sobre o funcionamento do servizo
Un usuario dun composteiro vertendo residuos orgánicos no seu interior. DAVID FREIRE
photo_camera Un usuario dun composteiro vertendo residuos orgánicos non seu interior. DAVID FREIRE

A compostaxe comunitaria ponse en marcha en Marín. Hai uns meses instaláronse no Sequelo e na Cañota dous centros comunitarios dentro da adhesión do Concello de Marín ao Plan Revitaliza da Deputación de Pontevedra. Agora, xa está todo listo para que se poñan a funcionar.

O Goberno local e a Deputación adiantaron que está previsto realizar dúas accións para promocionar o uso dos composteros por parte dos veciños. Unha delas consiste na instalación dunha carpa informativa e outra en formación dirixida aos marinenses que serán usuarios deste novo servizo.

A próxima semana, o mércores, ás 10.30 horas instalarase a carpa informativa no Sequelo. Nela, dous técnicos do Plan Revitaliza explicarán a todos aqueles interesados en que consiste a compostaxe comunitaria e repartirán mostras de compost.

Pola tarde, ás 20.00 horas, ofrecerase unha charla formativa a aqueles veciños e veciñas que foron convocados, por exemplo os usuarios e usuarias das hortas urbanas do Sequelo. Esta charla estará impartida polos mesmos técnicos do Plan Revitaliza e do Concello, que explicarán como funciona o centro de compostaxe.

Durante esta xornada, os interesados poderán anotarse ao uso do compostero, sendo así os pioneiros en participar no programa de Marín. Máis adiante poderanse adherir novos participantes.

Estas dúas accións repetiranse ao día seguinte, o xoves 30 de xullo, ás mesmas horas no centro de compostaxe comunitaria da Cañota.

É importante destacar que a función da instalación é a de compostar unicamente pequenos residuos de orixe doméstica, animando a todos os veciños a colaborar no proceso de forma correcta.

Estas charlas informativas son importantes para o coñecemento destes centros de compostaxe, así como para concienciar a toda a cidadanía da necesidade de cambiar o modelo de xestión de residuos e da importancia de crear medidas que sexan sostible para o medio ambiente nunha época onde estas accións son tan necesarias.

Cabe recordar que o Concello de Marín, en colaboración con Sogama, repartiu diferentes composteros individuais polas parroquias e en diferentes zonas do municipio marinense, para que cada veciño puidese facer compost nos seus fogares.

Comentarios