'Marín en Rede' estrea a súa web para achegar os negocios a todos os veciños

A plataforma ofrece información por categorías dos establecementos adheridos
Buscador da web. DP
photo_camera Buscador de comercios.

A plataforma do Concello orientada á dixitalización e á visibilidade da economía local da vida, Marín en Rede, estreou este sábado a súa páxina web. Cabe recordar que esta plataforma parte do Plan de Reactivación Local con motivo da crisis da Covid-19, que castigou severamente ao comercio de proximidade.

Distribuída en varias seccións, a páxina conta cun directorio dividido por categorías, no que cada un dos negocios, comercios e locais adheridos conta cunha ficha individualizada, que funciona case como unha mini-web propia.

En cada un destes apartados, aparece unha pequena descrición do negocio, os servizos ou produtos que pon a disposición dos consumidores, así como o seu horario de apertura e os medios de contacto. Con respeto a isto último, ofrece un enlace directo para escribirlle por Whatssap ou para enviar un email no caso de que os comerciantes faciliten estas vías.

Grazas á campaña de visibilidade lanzada ao longo da pasada semana, #PonllesCara, os negocios poderán contar cun vídeo personalizado de presentación do seu comercio ou local, no que tamén se lanza unha mensaxe de concienciación sobre a importancia de consumir no tecido produtivo de Marín, e que se van realizando paulatinamente.

Ademais do directorio, a web conta cun espazo adicado a explicar en que consiste esta plataforma, lanzada polo Concello como unha medida máis do seu Plan de Reactivación Local; así como cun blog, no que se colgarán aquelas novidades máis relevantes para os sectores do comercio e da hostalaría.

A adhesión de novos establecementos estará permanentemente aberta, co formulario habilitado, que se debe completar para poder formar parte do directorio e participar das campañas que se vaian lanzando.

Comentarios