Marín ten seis furanchos operativos durante a Semana Santa

Estes establecementos, identificados cun ramo de loureiro, están situados na Brea, Castro, Moledo, Pastoriza, Cernello e Allariz

Varias personas disfrutan de tapas y vino de la casa en un furancho marinense. DP
photo_camera Varias persoas gozan de tapas e viño da casa nun furancho marinense. DP

A comida caseira, deliciosa e barata, acompañada dun bo viño da casa e servida nun lugar "enxebre" fai que cada vez máis os furanchos sexan establecementos atractivos tanto para os veciños e veciñas como para os visitantes. E a vila marinense ten seis deles operativos durante a Semana Santa.

Concretamente, os locais que servirán os seus excedentes de viño xunto a unha tapa sitúanse nos lugares da Brea, Castro, Moledo, Pastoriza, Cernello e Allariz. Tal e como confirma o Goberno municipal, estes seis establecementos foron os primeiros en solicitar a autorización ao Concello para poder exercer a actividade ata que terminen o seu viño caseiro. Tres persoas máis solicitaron tamén a súa apertura, aínda que xa non chegarán a tempo para exercer a súa actividade durante estes días festivos.

Algúns destes furanchos, como o da Brea, puido exercer de novo a súa actividade logo de varios anos, debido ao cambio de normativa municipal que a Corporación aprobou hai un ano.

E é que algunhas das persoas que tradicionalmente venderan os excedentes dos seus cultivos vinícolas na vila tiveron que deixar de facelo ao aprobarse o PXOM. O documento urbanístico restrinxía a actividade dos furanchos a aqueles establecementos que se atopaban situados sobre chan rústico. O problema desa catalogación é que algunhas zonas, catalogadas como chan urbano, teñen unha vida e unha contorna totalmente rural. Así, grazas á nova normativa, algunhas persoas puidéronse sumar este ano á actividade dos furanchos e vender os seus excedentes de viño.

Entre as condicións que deben cumprir estes locais están o non servir viño embotellado ou ofrecer como máximo cinco tapas diferentes, entre outras.

Comentarios