Marín acolle un simulacro do 12-X

Os técnicos da Xunta comprobaron que no colexio da Laxe instaláronse todas as medidas preventivas necesarias
Simulacro en el colegio de A Laxe en Marín. DAVID FREIRE
photo_camera Simulacro no colexio da Laxe en Marín. DAVID FREIRE

Técnicos da Xunta, encabezados polo coordinador de prevención para esta cita electoral, Emilio de la Iglesia, efectuaron este martes un simulacro do día das eleccións no colexio da Laxe, situado en Marín.

O persoal que a Xunta despregará por todos os colexios electorais encargarase, entre outras medidas, de lembrar o uso obrigatorio do xel hidroalcohólico e da máscara e, se os electores non a traen de casa, facilitaráselles unha.

Ademais, axudarán a regular o acceso e o aforamento, xestionando o fluxo de votantes ou o acceso de persoas prioritarias, entre eles das persoas maiores.

Os técnicos visitaron o colexio de Marín para comprobar que se instalaron todas as medidas preventivas necesarias que fixa o protocolo establecido pola Xunta de Galicia.

Os colexios deben ter sinalizado o percorrido, marcas coas distancias de seguridade que hai que manter, zonas de entrada ou de saída e cabinas nas que non hai que manipular ningún elemento que poida ser tocado por outras persoas, como as cortinas.

Estes locais electorais contarán con mesas para os presidentes e os vogais que permitan manter a distancia de seguridade, da mesma forma que esta debe ser tamén garantida na zona que ocuparán os interventores e apoderados dos partidos políticos.

Na mesa haberá unha bandexa na que os electores deberán depositar o DNI antes de votar, para rebaixar ao mínimo os contactos entre os membros das mesas e os electores.

A Xunta habilitou un equipo de 133 representantes da administración para revisar todos os colexios electorais que, segundo o goberno galego, a día de hoxe cumpren ao 100% coas medidas de seguridade.

Unha semana antes das eleccións realizarase unha nova revisión de todos os colexios para comprobar que, tras a instalación do mobiliario e da sinalización, todos os locais cumpran coas garantías sanitarias para recibir aos electores. 
 

Comentarios