Os marinenses poderán solicitar a vixilancia das súas vivendas á Policía local

Os axentes poñen en marcha a iniciativa Vacacións tranquilas, pola que os veciños poderán notificar a ausencia dos seus fogares
photo_camera Presentación da campaña. BN

Os veciños de Marín contarán a partir deste Entroido e durante os próximos períodos vacacionais cun novo servizo da Policía local. Os axentes da localidade pon en marcha a iniciativa Vacacións tranquilas pola que os veciños terán a oportunidade de comunicar en Comisaría que se ausentarán das súas fogares ou locais comerciais e solicitar que se realice unha vixilancia para minimizar o risco de incidencias.

"Non só atenderemos situacións como os roubos, senón calquera tipo de incidencia que se poida dar nestes espazos, ademais de traballar na prevención de posibles delitos", explicou o axente Salva Montes.

A Policía local levará a cabo un labor de vixilancia nas vivendas, que se somen á campaña, polo menos dúas veces por semana "tendo en conta aqueles parámetros que a nivel policial poden indicarnos a ameaza dun posible delito", sinala.

A iniciativa recolle, así mesmo, a posibilidade de deixar as chaves da súa vivenda ou establecemento na comisaría e dar permiso aos axentes para que, en caso de urxencia, poidan facer uso dela e acceder ao interior. "Se pasase calquera incidencia grave, calquera problema de seguridade (incendio, inundación...), nós pómonos en contacto co propietario, este autorízanos a entrada no seu domicilio e poderiamos acceder para minimizar os danos". "A rapidez neste tipo de actuacións é moi importante", comenta Montes. As chaves gardaranse nun sobre pechado e lacrado que só se abrirá en casos de urxencia.

A idea xurdiu na comisaría marinense das inquietudes dalgúns veciños e dos exemplos doutros Concellos de España, nos que xa levan a cabo este tipo de campañas.

A nivel autonómico, Marín será primeiro concello de Galicia en pór en marcha un plan destas características. A campaña Vacacións tranquilas comezará estes entroidos e retomarase en Semana Santa, verán (do 1 de xullo ao 10 de setembro) e Nadal.

As chaves gardaranse nun sobre pechado e lacrado que só se abrirá en casos de urxencia

"O obxectivo é transmitir tranquilidade", destaca Montes, "sabemos que os delitos contra o patrimonio son os que máis inquietude transmiten á poboación". Tamén se pretende mellorar a relación entre a Policía local e os cidadáns, "queremos volver a achegarnos, que sexamos o seu Policía de confianza", sinala Montes.

"Imos intentar traballar máis sobre a prevención que a sanción", engade o responsable da Policía Local, Benigno Branco.

Unha das situacións que se poderá evitar con este novo programa será a ocupación ilegal. Nestes casos, o primeiro que realizan os okupas é notificar á Policía que se atopan na vivenda para xestionar o lugar como o seu nova morada, explica Montes. "Con este plan rompemos ese tipo de estratexias". "Nós podemos ratificar que esa persoa non residía aí, que os realmente moradores da vivenda fóronse nesta data e que realizamos unha serie de vixilancias", sinala.

Para solicitar o servizo é necesario que o solicitante, propietario ou inquilino, estea empadroado en Marín, e que cumprimente as actas na Comisaría local, á que deberán acudir en horario de mañá.

Comentarios