O mercadillo de Seixo volve logo de cinco anos

Terá lugar os luns e tivo unha gran acollida entre os veciños
2020081112521389463
photo_camera Os postos poderanse gozar todos os luns na Alameda da Casa de Cultura. BN

A parroquia marinense de Seixo celebrou o luns a reinuaguración do seu mercadillo tras cinco anos de inactividade. Levouse a cabo cunha gran expectación dos veciños e dos vendedores, que atopan nesta actividade unha boa saída logo da crise sanitaria.

A feira conta con 17 postos situados na Alameda da Casa de Cultura cunha gran diversidade de artigos e celebrarase semanalmente cada luns, que foi escollido como o día máis favorable para a montaxe dos postos polos propios vendedores.

Retomar o mercado foi unha das peticións que a Asociación de Comerciantes Marín Sur, Acemas, incluíu entre as súas demandas de cara ao Plan de Reactivación Local do Comercio do Concello de Marín. Unha proposta destinada a paliar os efectos económicos da pandemia no comercio de proximidade.

Tanto vendedores como veciños valoraron positivamente a primeira xornada tras cinco anos de parón. "É un impulso", destaca unha das comerciantes, Concha Jiménez, unha afirmación coa que coincide tamén a vendedora Rita Vidal, "seguiremos vindo mentres continúe achegándose xente. Non estamos a vender apenas, así que contar con este mercadillo é un empuxe".

Por parte dos veciños tamén se notou unha boa recepción. "Baixei adrede para que se anime e o comercio se reactive. "É importante para o pobo", destacou a veciña da parroquia, María Antonia Jordán.

Desde Acemas tamén se mostraron satisfeitos coa afluencia de xente ao mercadillo durante toda a mañá no seu primeiro día.

Tamén se mostraron agradecidos co movemento na zona os locais de hostalería e comercios da parroquia, sinalan fontes municipais.

Desde o Concello animan a todos os veciños a participar nesta iniciativa para a dinamización social e económica da parroquia e que siga contando coa "boa acollida que tivo neste primeiro luns".

Comentarios