María José Pérez, presidenta da Asociación de Veciños de Ons

"O mérito é exclusivo dos illáns, da súa unión e da súa fortaleza"

A presidenta do colectivo cre que o novo sistema de acceso á Illa poderíase ter acordado hai seis meses e bota en falta o "recoñecemento do dereito á propiedade das nosas vivendas". Aínda que apoia o documento, advirte de que "queda moito traballo por facer en Ons"
María José Pérez. CEDIDA
photo_camera María José Pérez. CEDIDA

A Xunta de Galicia, o Concello de Bueu e a asociación veciñal veñen de pactar un novo sistema de acceso a Ons no que cada vivenda terá un código QR específico que permitirá ao concesionario da casa autorizar a entrada á Illa a calquera persoa que desexe. Este acordo ‘in extremis’ coincidiu co Pleno ordinario no que estaba previsto que se debatira a retirada do apoio da Corporación á candidatura do Parque Nacional das Illas Atlánticas a Patrimonio da Humanidade. Finalmente, tras a rúbrica deste documento, os portavoces dos grupos políticos acordaron a retirada deste punto da orde do día da sesión plenaria.

Os veciños e veciñas de Ons levan tempo pedindo unha reunión coa conselleira de Medio Ambiente e co titular da Xunta de Galicia de Cultura para tratar o conflito dos cupos. Esperaban a reunión do mércores?

Non, para nada. Non esperabamos a reunión neste momento, de feito non contestaron á petición da asociación. Chamou o conselleiro ao alcalde para formalizar a xuntanza.

Considera que é unha estratexia da Xunta para que a Corporación buenense non retire o apoio da candidatura do Parque Nacional das Illas Atlánticas a Patrimonio da Humanidade? Porque de ser así, podería perigrar a declaración da Unesco…

Claramente. A declaración da Unesco non só depende do Concello de Bueu, senón tamén dos veciños. Esperamos que cumpran os puntos pactados o mércores, que manteñan o respecto aos nosos dereitos tal e como se comprometeron.

Esperamos que cumpran os puntos pactados, que manteñan o respecto aos nosos dereitos como se comprometeron

Que valoración fai do acordo adoptado?

Penso que é un bo acordo que responde bastante ben á petición de libre acceso e que poderíase haber pactado fai seis meses.

Apoian todos e cada un dos puntos?

Si. Debatéronse todos e foron acadados en consenso da representación veciñal que alí nos atopabamos.

Cre que se podería engadir algún outro?

Si, o recoñecemento do dereito á propiedade das nosas vivendas.

Continuarán coas reivindicacións? Cal será o seguinte paso desde a asociación?

Si, por suposto. Queda moito traballo por facer en Ons. Establecer a base da mesa de traballo que esperamos ter no mes de novembro loitar pola propiedade.

Os veciños facían referencia na concentración de Santiago á unidade dos illáns á hora de conseguir avances nas negociacións. Teríase acadado isto sen a loita dos illáns?

Nunca. O mérito é único e exclusivo de todos os illáns, da súa unión e da súa fortaleza.

Botou en falta algún apoio ao longo desta loita?

Si, o do Partido Popular en xeral e, sobre todo, o do PP de Bueu.

Comentarios