O Mini Mercado de Nadal volverá á Alameda de Marín da man das Anpas da vila

Este ano, as ONGs da localidade serán as encargadas de organizar a chocolatada tradicional para recadar cartos destinados aos seus fondos
Representantes das Anpas dos centros educativos de Marín durante a reunión co Concello. DP
photo_camera Representantes das Anpas dos centros educativos de Marín durante a reunión co Concello. DP

A edil de Educación e Benestar Social, Marián Sanmartín, mantivo este luns unha reunión coas Anpas dos centros educativos de Marín de cara a organizar o Mini Mercado de Nadal que todos os anos serve para iniciar o ambiente tradicional na vila e para apoiar a actividade dos nais e pais nas actividades que realizan durante o ano.

O Mini Mercado instalarase o sábado 11 de decembro na Alameda, na carpa que despois será ocupada polas actividades infantís propias da programación do Nadal. Contará con todas as medidas sanitarias referentes ao covid-19 e estará aberta de 17.00 a 21.00 horas.

No mercadiño participarán as Anpas da EEI Nosa Señora do Carme, IES Illa de Tambo, IES Mestre Landín, CPR San Narciso, CPR La Inmaculada, CEIP de Seixo, CEIP de Ardán, CEIP da Laxe, CEIP do Carballal e CEP do Sequelo.

A organización do evento recaerá nos pais e nais destes centros, mentres que o Concello se encargará de asumir todos os gastos. "O que pretendemos é que as Anpas poidan recadar a totalidade do que consigan, sen que teñan que realizar gasto algún e, polo tanto, que se vexan beneficiadas da celebración do mercadiño", explicou Sanmartín.

A diferenza doutros anos, non se fará unha chocolatada dentro do propio Mini Mercado. Serán as ONGs de Marín as que colocarán o mesmo día unha haima independente na que ofrecerán chocolate a todos os que queiran colaborar, xa que todos os cartos recadados serán para os fondos destas entidades sen ánimo de lucro.

De cara ás próximas semanas, o Concello seguerá anunciando novidades de cara á celebración do Nadal.

Comentarios