O Morrazo rozou o 100 % de ocupación durante os meses de xullo e agosto

O turismo nacional e familiar foi o máis destacado entre os hostaleiros da comarca
undefined
photo_camera O verán finaliza na comarca e o turismo prepárase para a chegada do outono. RAFA FARIÑA

A época estival chega ao seu fin coa entrada nas últimas semanas de setembro, deixando atrás un verán de boas cifras na comarca morracense. Rozando o 100 % da ocupación, os hostaleiros destacan o turismo nacional, o familiar e un numeroso grupo de visitantes que descubrían as Rías Baixas por primeira vez.

O verán de 2021 prometía grandes cifras antes de dar comezo. Con reservas que auguraban ocupacións do 80 % a tan só unha semana de dar comezo á tempada estival, os hostaleiros da comarca viron todos os prognósticos cumprirse e esperan poder mantelo durante setembro.

A plataforma Todo Morrazo, con 45 establecementos hostaleiros asociados en Bueu, Cangas e Moaña, confirma os datos. "A ocupación en xeral durante xullo e agosto estivo entre o 90 e o 100 %", destaca Beti Igrexas, secretaria e socia da agrupación, que asegura que a porcentaxe roza o completo sobre todo en agosto.

As cifras aseméllanse ás obtidas en 2019 e cumpren con fartura as esperanzas do sector para o verán da recuperación, marcado pola vacinación masiva e o alivio das restricións.

Turismo nacional. As familias, seguidas das parellas, foron o perfil máis habitual durante todo o verán, no que destacou sobre todo, como ocorreu xa en 2020, o turismo nacional. Madrid, País Vasco e Asturias atópanse nos primeiros postos da lista de visitantes, aínda que O Morrazo recibiu tamén a veraneantes de Andalucía ou Castela e León, explica Igrexas.

"Ao non poder viaxar practicamente ao estranxeiro, si se nota que había moito movemento en España", comenta Beti, que é ademais propietaria dunha vivenda de uso turístico e unha pequena pensión na localidade de Cangas.

Entre os datos que máis destacaron desta tempada atópase a visita de numerosas persoas que viaxaban por primeira vez á zona. Mentres que nos visitantes estranxeiros Portugal séguese mantendo como o país de procedencia máis habitual, seguido de Francia e Alemaña.

Setembro: o turismo mira ao ceo para os próximos meses 
Os aloxamentos turísticos da comarca deixan en mans da meteoroloxía o éxito das próximas semanas.

Setembro despedirá a tempada estival e preséntase para o que queda de mes con estancias máis curtas e coincidindo en fin de semana, explica Beti Igrexas, que pon a vista na ponte do Pilar do próximo mes de outubro, aínda sen nada firme confirmado.

TodoMorrazo.com
A plataforma ‘Todo Morrazo' naceu en pleno ano da pandemia co obxectivo de crear un espazo común para aloxamentos de Cangas, Bueu e Moaña na que traballar en equipo para atraer o turismo á comarca e afastarse das altas comisións dos portais web intermediarios.

Con 45 socios xa inscritos, manteñen a porta aberta a todos aqueles que queiran formar parte da súa rede colaborativa, coa súa propia bolsa de emprego.

Comentarios