O Museo Manuel Torres celebra o 120 aniversario do nacemento do pintor

As salas do centro marinense acollerán a exposición do último cadro restaurado do artista, que estaba sen terminar
undefined
photo_camera A especialista Eva Fontoira restaurou un cadro de Manuel Torres no que se pode ver un hórreo. DP

Pór en valor a obra o pintor marinense máis soado da localidade, Manuel Torres, será a premisa da celebración do 120 aniversario do nacemento do artista. Con motivo desta efeméride, o Concello de Marín preparará para o xoves varias sorpresas para poder celebrar este día.

Unha delas será a exposición do último cadro do pintor que pasou por un proceso de restauración da man da especialista Eva Fontoira. O lenzo, no que se pode ver un hórreo, estaba sen asinar e sen terminar polo artista e agora, logo de conseguir unha nova vida, poderá verse exposto nunha das salas do museo municipal. Esta obra é unha das poucas nas que Torres pintou un hórreo, o que fai que se converta nunha peza case única.

Ademais da exposición do cadro, o Museo acollerá unha proxección durante todo o día dun vídeo documental sobre pintura onde pode verse ao propio Torres falando da súa traxectoria vital e artística. A peza audiovisual poderá contemplarse durante o horario regular do Museo, de 11 a 14 e de 18 a 21 horas.

ANO TORRES. Baixo a mesma premisa de pór en valor a figura do artista marinense, saíu á luz o Ano Torres, unha celebración que debería terse realizado ó longo do 2020. A crise sanitaria obrigou á suspensión de moitas das actividades que estaban previstas e que este ano se están retomando.

Un dos obxectivos do Concello de Marín coa celebración do Ano Torres era achegar á comunidade educativa marinense, e ós máis pequenos en xeral, a figura do pintor Manuel Torres.

Do mesmo xeito que o foi a artista Ánxeles Igrexas no 2019, Torres converteuse no novo protagonista do novo caderno "Pinta con...", unha actividade impulsada polo Concello a través da cal se lle regala un caderno aos nenos e nenas de Marín con bosquexos a unha liña e sen pintar dos cadros do artista, para que poidan iniciarse no mundo da arte pictórica.

OUTRAS RESTAURACIÓNS. Desde o pasado mes de decembro, e como iniciativa enmarcada dentro do Ano Torres, o museo municipal conta no seu haber co cadro pintado por Torres durante a pandemia da gripe de 1918. A restauración desta reprodución da obra de Murillo, "Os nenos comendo pasteis", foi executada tamén por Eva Fontoira.

Comentarios