Música para que perdure a cultura

A formación Maikel Crooner Band creouse hai só uns meses en Marín e xa logrou o segundo posto no concurso para elixir a Canción do Verán da TVG
Maikel Crooner Band. DP
photo_camera Maikel Crooner Band. DP

Marín foi, é e esperemos que siga sendo terra de moitos e grandes músicos ao longo da historia. No momento actual ten a fortuna de dar a benvida a unha nova formación, con doce membros e un obxectivo fundamental: facer que a cultura, a etnografía e a arte galega perduren no tempo.

O primeiro gran logro da Maikel Crooner Band, ademais de lograr saír á rúa nunha situación tan difícil para o mundo da música como o actual, foi lograr o segundo posto no concurso da Canción do Verán da TVG, tema, o elixido, que é tamén a banda sintonía das súas canles durante a época estival.

"Ser segundos nun concurso como este, cunha canción propia e unha vintena de participantes tomámonolo como un gran éxito e, sobre todo, dános a expectativa de que en canto salgamos a facer as nosas primeiras actuacións o público vaino a gozar moito", sinala o líder do grupo, Maikel Crooner.

Boa parte do seu repertorio son cancións propias e as demais versións de grandes temas, todos en galego, co obxectivo de que o público se divirta e a arte sexa o seu valor principal

A banda ten doce compoñentes: dúas voces (unha masculina e unha feminina), baixo, guitarra, teclado e batería na sección de ritmo; e dúas trompetas, dous saxos e un trombón na de metais.

Ademais, a vocalista feminina toca o violín nalgunhas cancións e están a preparar algunhas máis nas que introducirán a gaita como un elemento fundamental da música e a cultura galega.

Non é unha orquestra ao uso, nin está pensada en absoluto para a verbena, senón que os seus concertos, de entre 75 e 90 minutos, poden encadrarse nunha xornada festiva ou musical a calquera hora: pola mañá, ao mediodía, pola tarde ou pola noite. "Temos música de todos os estilos: tradicional galega, cumbia, clásicos de jazz", explica Crooner.

A formación fará un tipo de concerto cultural, con música de gran calidade (ten músicos cunha gran traxectoria tras de si), para escoitar e para bailar públicos de todas as idades e practicamente todos os temas en galego. "Temos cancións como Camiñada a Santiago (cumbia festiva), en homenaxe ao Camiño de Santiago; Galicia (unha conxunción de estilos como valls, muiñeira ou folk), para exaltar a nosa terra; ou Morro por verte bailar (totalmente de actualidade e con moito ritmo), coa que a banda quedou en segundo lugar no concurso da TVG.

Repertorio variado pero centrado na música galega
"O repertorio é variado, pero sempre tratando de profundar na cultura e a música galega xunto aos valores humanos. Queremos darlle un valor máis cultural ao formato que eliximos, que teña por obxectivo crear arte con maiúsculas, co que a xente baile, cante e se divirta", explica Maikel Crooner.

A composición dos temas propios son de Manuel Vilas Quintela e Maikel Crooner (cantante da agrupación); aos que se sumaron Xarunas Pupelis e Miguel Marcos do Río (músicos de grandes orquestras galegas) nos arranxos; e a colaboración do recoñecido trompetista Dani Bujía (ata hai pouco compoñente de Panorama).

Así mesmo, Maikel Crooner Band contou co traballo do poeta Ana Vila para a adaptación de temas históricos.

Comentarios