As navieras das Illas Atlánticas denuncian trato de favor cara a campistas e barcos privados

Sinalan que o sistema de reservas é "arcaico" e penaliza aos visitantes que só queren gozar das illas por unhas horas
Las Cíes, a vista de pájaro. ARCHIVO
photo_camera As Cíes, desde o alto. ARQUIVO

Naviera Mar de Ons, Naviera das Rías Galegas e Cruceiros Rías Baixas criticaron este xoves que o Parque Nacional das Illas Atlánticas autorice visitas de campistas e fondeos de embarcacións privadas cando o Plan Reitor de Uso e Xestión (PRUG) non os contempla en tempada baixa a partir do 16 de setembro.  Entenden as navieras que a Xunta de Galicia decidiu outorgar un trato preferente ás persoas que pasan a noite fronte aos visitantes que queren gozar das illas por unhas horas.

"Decidiuse discrecionalmente e sen respectar o PRUG, ampliar a tempada alta para a cota de fondeos e campistas e non para outra clase de visitas como son as que acceden por unhas horas, que soamente o poderán facer en grupos organizados e á marxe do sistema de central de reservas da propia Xunta mediante un proceso rudimentario do Parque Nacional nada transparente", denuncian as navieras nun comunicado conxunto.

Esta denuncia das tres navieras dedicadas ao transporte de ría únese á que realizaron o pasado luns, cando criticaron que a central de reservas non estea operativa os 365 días dos anos, o que consideran "unha anomalía".

Na súa opinión, iso somete ao visitante a unha incerteza e inseguridade sobre o modo de viaxar fóra da tempada estival, precisamente cando se quere desestacionalizar o turismo, e sinalan que esta forma de proceder o disuade da súa intención de visitar o Parque Nacional fóra dos meses de xullo e agosto. 

Recordan que a Administración galega puxo en marcha un novo sistema de acceso hai tres anos que a partir do 16 de setembro impide aos visitantes que queren viaxar ás illas do Parque Nacional tramitar a súa autorización directamente na Central de Reservas da Xunta.

Iso obrígalles a acudir ás navieras para que estas, de forma manual, soliciten unha autorización por cada pasaxeiro, que a Administración tarda días en confirmar, de modo que nin os visitantes nin as navieras poden coñecer o cota dispoñible e as prazas que restan para completalo en tempo real cada día e, en consecuencia, non poden planificar a súa viaxe aínda cando queiran reservar con moita anticipación. 

Para as navieras asinantes do comunicado este procedemento é "arcaico, pouco transparente e impropio do século XXI".

Por iso, critican que "o momento e os criterios para conceder as autorizacións despois do 16 de setembro, en tempada baixa, así como as prazas dispoñibles, é un misterio que permanece oculto para os consumidores e as navieras, e que soamente coñece o Parque Nacional".

Comentarios