Nodosa bota o Argos Cíes, o maior buque construído na historia do estaleiro

Na construción do barco investíronse uns 20 millóns de euros e preto de dous anos de traballo

O estaleiro marinense vestiuse este mércores de gala para a entrega do Argos Cíes ao grupo Jupiter Fishing, conformado pola histórica armadora viguesa Pereira e por Argos Group, das Malvinas. Alí será onde faene este arrastreiro conxelador, cuxos 75 metros de eslora convérteno no buque máis grande construído por Nodosa na súa historia e o de maiores dimensións destinado a este caladoiro nos últimos tempos.

No acto estiveron presentes representantes de Nodosa, como o presidente, Daniel Dopico; o director comercial, José Ramón Regueira e o xerente, Rafael Outeiral, así como o conselleiro delegado de Pereira, José Enrique Pereira Molares, fillo do fundador da compañía, José Pereira, que tamén acudiu á botadura do pesqueiro. De Argos Group, destacou a presenza do conselleiro delegado e a madriña, unha das socias da entidade. Tamén estaban entre o público a alcaldesa de Marín, María Ramallo, e o presidente da Autoridade Portuaria de Marín, José Benito Suárez Costa.

Pereira: É un orgullo que se poidan construír barcos así en terras galegas

O arrastreiro foi construído integramente en Marín, deseñado utilizando tecnoloxía de última xeración, que o converten nunha embarcación moderna, adaptada ás novas necesidades pesqueiras. O director comercial de Nodosa asegurou durante a súa intervención no acto que esta será un dos novos buques "que inicie a renovación de flota nas illas Falkland".  Pola súa banda, Andrew Irvine, director xeral de Argos Group, afirmou que a alianza con Pereira está "nun momento chave" e que a do Argos Cíes é "o maior investimento pesqueiro" que fixo a alianza empresarial ata a data.

"É un orgullo que se poidan construír barcos así en terras galegas", declarou José Enrique Pereira, que trasladou aos presentes a alegría do Grupo Pereira "porque logo de 30 anos, volvemos ser protagonistas da botadura dun barco".

O estaleiro investiu preto de dous anos de traballo en construír o Argos Cíes e estímase que o investimento pode roldar algo máis de 20 millóns de euros.

Comentarios