Un mozo marinense recorre ao Supremo tras ser condenado por unha agresión

Said Baali defende a súa inocencia e asegura que acudirá aos tribunais europeos de ser necesario nun futuro
Said Baali. RAFA FARIÑA
photo_camera Said Baali. RAFA FARIÑA

O marinense Said Baali tiña 19 anos cando recibiu unha chamada da Policía Nacional en novembro de 2018 informándolle de que estaba a ser investigado por un delito de agresión a un mozo durante unha noite no centro histórico de Pontevedra. O pasado mes de abril Baali foi declarado culpable dos feitos no Xulgado do Penal de Pontevedra e condenado a un ano de prisión e unha indemnización de 6.398 euros. Con todo, este mozo mantén firme a súa postura de que non estivo implicado na liorta e recorreu ao Tribunal Supremo a súa condena.

"Cando me chamaron para informarme de que estaba a ser investigado por iso contesteilles que era imposible porque eu estivera traballando esa noite", explica Baali, unha coartada que confirman tanto o seu xefe como unha decena de amigos e compañeiros que o viron na Sala Jackson, onde estaba empregado.

No transcurso da investigación, Baali explica que informou aos axentes de quen cría que era o verdadeiro agresor porque "coñezo a xente que lle viu alí" e insiste en que o caso "non se investigou o suficiente". A persoa que acudiu a denunciar os feitos "confundiume", precisa o mozo, que asegura que foi sinalado a través da súa foto de perfil de Instagram xunto a outra persoa distinta.

Baali mantén que ten probas suficientes que o descartan como sospeitoso, como a xeolocalización do seu teléfono móbil e o da outra persoa que foi investigada co obxectivo de poder comparalo co da vítima. Unha proba que solicitou que se teña en conta no recurso da súa sentenza que levou ao Tribunal Supremo, no que denuncia unha "vulneración do dereito de defensa", xa que, de ser esta proba aceptada, "non habería lugar a dúbidas sobre a identidade do agresor". No documento tamén se solicita a comprobación das gravacións das cámaras de vixilancia dos locais lindeiros á Sala Jackson.

Said asegura que se atopa "psicoloxicamente exhausto" pola situación que, ademais, lle cambiou a vida. "Preparara as probas para entrar no Exército e por esta investigación non puiden acceder", explica. A súa causa, que hai un mes decidiu facer pública a través das redes sociais en busca de apoio, foi apoiada por decenas de usuarios en Internet. "Non me esperaba recibir tanto apoio, pensei que ninguén me ía crer", confesa o marinense.

As esperanzas de que o Supremo admita a trámite o recurso non son altas, pero asegura que non se renderá e que acudirá aos tribunais europeos de ser necesario para loitar pola súa inocencia.

Comentarios