As obras de saneamento do río Lameira de Marín darán comezo na primeira semana de maio. Así o anunciou o Goberno local tras a celebración este xoves dunha primeira reunión técnica con representantes de Augas de Galicia e da empresa que levará a cabo os traballos, UTE Petrolam Infraestruturas. No encontro, presidido pola alcaldesa do municipio, María Ramallo, tamén estiveron presentes a concelleira de Medio Ambiente, Marián Sanmartín, e o edil de Urbanismo, Manuel Santos.
O proxecto, un dos máis importantes en materia de saneamento na localidade marinense, é froito dunha colaboración entre o Concello e a Xunta de Galicia. Nel investirase unha cantidade global que ascende aos 3,1 millóns de euros, na que se inclúe un custo de preto de 80.000 euros que foi destinado ás expropiacións.
Tal e como trasladaron os técnicos ao persoal municipal, no mes de abril, semanas antes do arranque da acción, acometeranse unha serie de traballos previos. Estes comprenden a delimitación das zonas que foron expropiadas e a preparación do terreo de face á intervención.
En canto á realización da mesma, a acción máis importante será a retirada do actual colector do río, o que suporá actuar sobre unha lonxitude de 1.600 m², desde a orixe do río na PO-313, en Coirados, ata Ponte Zapal, no centro urbano da localidade, con ata cinco cambios de marxe. O colector substituirase por un novo, no que se habilitará un acceso con tres pasarelas para o seu mantemento.
Tamén se construirá un depósito de retención de augas e actuarase sobre a estación de bombeo para corrixir as deficiencias, que orixinan frecuentes alivios ao río. O proxecto será levado a cabo por tramos e contará cun prazo de execución de 12 meses.
A actuación suporá a optimización da rede de saneamento da contorna do río Lameira. Reducirase a entrada de augas brancas e regularase a derivación de caudal á depuradora en tempo de choiva.