As obras para a ampliación do Museo Massó comezarán antes do verán

 O conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, visitou este luns este espazo museístico de Bueu
Un momento da visita do conselleiro ao Museo Massó. RAFA FARIÑA
photo_camera Un momento da visita do conselleiro ao Museo Massó. RAFA FARIÑA

 Os traballos para a ampliación e mellora das instalacións do Museo Massó de Bueu darán comezo antes deste verán. Así o anunciou o conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, durante unha visita que realizou este luns ao espazo museístico do municipio. Segundo adiantou, o proceso de adxudicación dos traballos, para os que se destinará un investimento que ascende a 1,2 millóns de euros, "será inmediato e estará resolto esta primavera".

O conselleiro realizou un percorrido polo centro cultural,  ao cal denominou "unha xoia tanto para Bueu como para Galicia". Estivo compañado polo director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo e o alcalde da localidade bueuesa, Félix Juncal, así como outros membros da Corporación municipal e a directora do museo, Covadonga López.

O prazo de execución das obras, dirixidas a mellorar as condicións de uso e recuperar as estruturas históricas descubertas que amosan o valor patrimonial da arquitectura industrial de finais do século XIX, está fixado en seis meses, pero Rodríguez sinalou que "non imos ter presión polos tempos". Así, o conselleiro estableceu que a ampliación do Museo Massó "estará rematada o próximo verán".

Un dos principais obxectivos deste ambicioso proxecto será o acondicionamento dunha nova sala adicada á figura do artista Urbano Lugrís debido á enorme pegada que este deixou no municipio. Para isto recuperarase o espazo da antiga tribuna no andar superior, onde se colocarán seis pinturas de gran formato que Lugrís elaborou nos anos 40 para o comedor das traballadoras da conserveira.

No primeiro andar, así mesmo,  recuperarase a estrutura tipolóxica da antiga salazón da Salgadura Piñeiro, onde se porán en valor as estruturas orixinais de pedra e se mellorará a ventilación natural do espazo substituíndo os peches de vidro por reixas.

Os traballos completaranse nas antigas conserveiras, onde se buscará potenciar a estrutura da cuberta das naves realizada con tesoiras de madeira. A intención será incorporar a singularidade desta estrutura espacial de tesoiras no discurso expositivo, polo que se prevé incluír unha zona acristalada superior para facer visible o resto da estrutura dende a sala de exposicións temporais.

Segundo engadiu Rodríguez, entre as accións inclúese "mellorar as condicións enerxéticas do edificio, para o que se actuará nas cubertas e fachadas con solucións que incorporarán illamento térmico e optimizarán o fluxo de enerxía". Así, construirase unha nova fachada de cara a Praza Massó e, na oposta, cara á rúa Montero Ríos, reporase a estrutura de madeira da zona balconada e tratarase a fachada de pedra. Ademais, dotarase de maior seguridade e accesibilidade aos edificios.

O proxecto que se vai acometer no Museo Massó enmárcase no no Plan Xeración Cultura, a folla de ruta coa que a Xunta de Galicia pretende impulsar o sector cultural. O centro de Bueu, tal e como sinalou Rodríguez, trátase dun "lugar de referencia para a nosa historia, ademais de ser un atractivo turístico para o municipio".

Comentarios