Piden 21 anos de prisión para o acusado de violar unha septuaxenaria en Bueu

Ademais e segundo a Fiscalía, subtraeulle 1.250 euros e, para evitar que esta puidese pedir auxilio inmediato, tirou o seu móbil ao cubo de lixo da cociña
Edificio de la Audiencia Provincial de Pontevedra. GONZALO GARCÍA
photo_camera Edificio de la Audiencia Provincial de Pontevedra. GONZALO GARCÍA

A Fiscalía pide 21 anos de prisión para un home acusado de violar a unha muller de 75 anos de idade, á que tamén produciu lesións e roubou con violencia, tras acceder de madrugada á súa vivenda, localizada no municipio pontevedrés de Bueu. 

O xuízo por estes feitos celebrarase entre o martes e o xoves da próxima semana na Sección Cuarta da Audiencia Provincial de Pontevedra. 

De acordo co escrito do Ministerio Público, os feitos ocorreron na madrugada do 3 ao 4 de marzo de 2017, cando o home supostamente fracturou os cristais e barrotes da porta da vivenda na que a muller residía soa e accedeu ao cuarto no que esta se atopaba. 

O home, que ía tapado cun pasamontañas, sorprendeu á muller na cama, sacoulle pola forza o pixama e propinoulle varios "golpes". A continuación, pegoulle cinta illante na boca e na cabeza e atoulle as mans e as pernas. 

Acto seguido, "con intención de satisfacer os seus impulsos sexuais", penetrouna. Tras iso, lle verteu encima viño dunha botella e, cun anaco de saba, tentou limpar os seus restos biolóxicos do corpo da vítima. 

Posteriormente, o home subtraeu do bolso da muller 1.250 euros e, para evitar que esta puidese pedir auxilio inmediato, tirou o seu móbil ao cubo de lixo da cociña. 

Como consecuencia de todo o ocorrido, a muller sufriu hematomas e lesións, desgarros nos xenitais e dores en varias partes do corpo. Así mesmo, sufriu un grave estado de nerviosismo, medo e mal descanso, e precisou un tratamento ansiolítico e sintomático. 

En total, requiriu 60 días para a súa curación, aínda que como resultado dos feitos mantén secuelas psicofísicas consistentes nun transtorno neurótico. 

PETICIÓN DA FISCALÍA. Por todo isto, a Fiscalía, que considera que concorren as circunstancias agravantes de aleivosía e disfrace, pide para o home 15 anos de prisión polo delito de agresión sexual con penetración; 2 anos de prisión por un delito de lesións; e 4 anos de prisión por un delito de roubo con forza.
 
Ademais, reclama que o home, que se atopa en prisión provisional por estes feitos, indemnice á vítima con 2.460 euros polas lesións e con 6.000 euros polas secuelas psicofísicas; así como que lle abone os 1.250 euros sutraídos e 90 euros pola reparación dos cristais das portas.