Piden que as restricións de tráfico en Ons non afecten aos veciños da illa

Actualmente existe un número máximo de persoas que poden visitar o arquipélago
Illa de Ons. ADP
photo_camera Illa de Ons. ADP

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, visitou este martes a illa de Ons para reclamar que os veciños desta zona insular non se vexan afectados as restricións de tráfico existentes para visitar este arquipélago situado ao termo da ría de Pontevedra.

Actualmente existe un número máximo de persoas que poden visitar Ons por día, unha medida tomada para regular o fluxo de visitantes que se achegan ás illas en catamaráns e embarcacións privadas e que tamén se aplica, sen excepcións, aos veciños deste municipio.

En declaracións aos medios, Pontón tachou de "abuso" esta situación e acusou á Xunta de estar "a provocar un problema onde non o había" con este tipo de decisións que limitan o día a día dos habitantes das illas "dunha maneira arbitraria".

A dirixente nacionalista acusou ao Goberno galego de tratar mellor aos visitantes que aos residentes e considerou que "ten que haber un cambio de posición da Xunta de Galicia" a este respecto, algo que tratarán de lograr -avanzou- con iniciativas parlamentaria unha vez que se retome a actividade na Cámara autonómica.

Para Pontón, é fundamental reafirmar que a veciñanza é "o valor máis importante que ten esta illa" e debe garantirse o seu dereito a acceder en liberdade á mesma.

Do mesmo xeito, avogou por lograr "un cambio na xestión da illa" que permita dar voz aos veciños a través dunha comisión mixta na que estean presentes o Goberno galego, os veciños e o propio concello de Ons para chegar a "acordos e pactos" sobre a ordenación deste espazo.

Comentarios