A plataforma Marín en Rede cumpre un ano e suma xa 201 comercios adheridos

Lanzouse en plena pandemia, apostando pola visibilización e dixitalización do comercio local
Presentación de Marín en Rede. ADP
photo_camera Presentación de Marín en Rede. ADP

En plena crise sanitaria e aínda aínda en confinamento, o Concello lanzou hai agora un ano a plataforma de dinamización comercial Marín en Rede. A web pretendía funcionar a modo de escaparate para os establecementos da localidade, impulsando a dixitalización do comercio de proximidade e mellorando a súa competitividade.

Un ano logo da súa creación, a plataforma conta xa con 201 locais adheridos en todo tipo de sectores e puxo en marcha as súas primeiras campañas de dinamización. Creouse nun momento de incerteza, cun investimento de 110.000 euros cofinanciados a través dos fondos Feder, á vez que se puñan en marcha axudas económicas, de exención e de bonificación impositiva.

ACTIVIDADE ECONÓMICA. Segundo o Instituto Galego de Estatística, o comercio marinense concentra o 33,8 % das empresas da localidade e a hostalería alcanza algo máis do 9,5 %, sen ter en conta ao sector primario e á administración pública. Uns datos que os sitúan como a primeira e a terceira actividade económica do municipio respectivamente.

Entre as iniciativas postas en marcha a través de Marín en Rede e co obxectivo de darlles visibilidade aos comercios, a plataforma recolle un conxunto de fichas multimedia con datos sobre o negocio, con vídeos dos seus propietarios ou a súa localización.

Apostou tamén polo uso das redes sociais para concienciar sobre a importancia de comprar no comercio de proximidade con iniciativas como #PonllesCara, que permitiu aos clientes coñecer de cerca aos propietarios dos negocios asociados á plataforma en formato vídeo.

Nesta liña púxose en marcha tamén #EmbaixadoresDoNoso, unha campaña que contou coa colaboración de diversas personalidades en distintos sectores, "que levan a marca Marín alén dás nosas fronteiras", sinalan desde o Concello.

Durante o seu primeiro ano en marcha, a plataforma impulsou tamén campañas de dinamización, como a recentemente finalizada Chega a primavera a Marín en Rede que xerou un impacto económico de 32.000 euros a través da repartición de 700 rosales decorativos entre os clientes dos comercios adheridos. Tamén a de Nadal, cun sorteo de cartóns regalo que supuxo un impacto de 82.000 euros na economía local.

A última aposta da plataforma foi a formación. Durante estes días e ata o próximo 18 de maio, 26 negocios de Marín beneficiaranse dun curso en dixitalización e posicionamento en redes sociais da man de APE Galicia e impartido pola creadora de contido e CEO de paso a Paso Agency, Natalia Maquieira.

Seguindo esta liña, o Concello atópase agora pechando os detalles para pór en marcha o programa Reactiva Marín, que ofrecerá bonos de formación individualizada de 45 horas a máis de 30 negocios da localidade, cun investimento de 80.000 euros.

Dous centenares de negocios
Entre os 201 negocios que forman parte da plataforma destacan os do sector da hostalería, cun total de 45 locais adheridos, que utilizan a web para achegar ao cliente a súa carta a través dos códigos QR repartidos polo Concello. Marín en Rede conta tamén con 29 establecementos de moda, 22 de saúde e beleza e 16 postos da Praza de Abastos, entre outros.

Como adherirse
Formar parte de Marín en Rede é gratuíto para os negocios, que só deben encher unha solicitude online dispoñible na web da plataforma.

Comentarios